Preguntas frecuentes

Compártao :

Compartir

Cal é a lexislación aplicable para a realización de transporte escolar e de persoas traballadoras?
  • Lei 16/1987, de 30 de xullo de ordenación dos transportes terrestres (BOE nº 182, de 31 de xullo).
  • Decreto 160/1988, de 9 de xuño, polo que se regula a prestación dos servizos de escolares e de obreiros de competencia exclusiva da Xunta de Galicia (DOG Nº 121, de 27 de xuño), modificado parcialmente polo Decreto 342/1998, de 27 de novembro (DOG nº 235, de 3 de decembro) e polo Decreto 65/2014, do 28 de maio (DOG nº 109, do 10 de xuño).
  • Orde da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas de 15 de decembro de 1989, de desenvolvemento do Decreto 160/1988 (DOG nº 6, de 30 de outubro).
  • Real decreto 443/2001, de 27 de abril, sobre condicións de seguridade no transporte escolar e de menores.
Quen pode contratar?

A contratación de transportes regulares de uso especial poderá realizarse

  • Pola Consellería de Educación ou por calquera administración pública, e polas asociacións de pais e nais de alumnado (ANPAs) constituídas de conformidade co establecido polo R.D. 11 de xullo de 1986, nº 1533 (BOE de 29 de xullo) e na Orde de 16 de xaneiro de 1987 da Consellería de Educación (DOG de 22 de xaneiro de 1987 cando se trate de transportes a centros públicos de ensino.
  • Pola dirección de centro escolar e polas asociacións de pais e nais de alumando ANPAs (constituídas de conformidade coa lexislación citada no apartado a) anterior), cando se trate do transporte a centros privados de ensino.
  • Polas asociacións representativas das persoas usuarias en xeral.
  • Polas organizacións representativas (sindicais) das persoas traballadoras ou pola dirección dos seus centros de traballo.
Quen organiza as paradas?
  • Nos centros públicos contratados coa Consellería de Educación, a propia Consellería.
  • Nos demais casos, os contratantes do servizo.

En todo caso, as paradas estableceranse segundo o previsto no Decreto 443/2001, garantindo a seguridade dos menores na espera, subida e baixada aos vehículos.

Pódese contratar un servizo de transporte escolar con calquera transportista?

O transporte escolar pódese contratar con calquera transportista sempre que dispoña de vehículos con autorización para transporte discrecional (autobuses); tamén se poderá contratar este tipo de servizo con taxis (VT) cando o número de alumnos e alumnas a transportar sexa reducido.

Poderán outorgarse, con carácter excepcional, autorizacións de transporte VE para vehículos de menos de 10 prazas, incluído o condutor, cando non existan vehículos provistos de autorización de transporte dispostos a prestar o servizo; estas autorizacións teñen carácter anual, e son especialmente frecuentes en zonas de montaña, nas que se requiren vehículos especiais.

Necesítase autorización para realizar transporte escolar ás gardarías?

O transporte ás gardarías realizarase en réxime normal.

No caso de que se efectúe en réxime privado, pola propia gardería cos seus propios medios, e con vehículos de menos de 10 prazas incluído o condutor, non se necesita autorización especial; de realizarse con vehículos de maior capacidade, será necesaria a obtención dunha autorización para servizo privado complementario.

En todo caso, este transporte terá que respectar os requisitos de seguridade establecidos.

Precísase acompañante?

Con carácter xeral, establécese a presenza obrigatoria do acompañante en calquera modalidade de transporte escolar, cando, polo menos, o 50% das persoas viaxeiras sexan menores de 12 anos.

A Consellería de Educación aplicará progresivamente para os próximos cursos a obrigatoriedade do acompañante nos vehículos que presten transporte escolar, de acordo coa disposición transitoria terceira do Real decreto 443/2001.

No transporte aos centros de educación especial será esixible en todo caso.

Quen pode contratar un transporte escolar dentro do casco urbano?

A autorización para os servizos de carácter urbano será outorgada polos respectivos concellos de acordo co establecido nas súas propias ordenanzas, de telas; se non dispoñen delas, aplicarán a normativa autonómica.

No transporte en vehículos de menos de 10 prazas, que requisitos de seguridade se aplican?

No transporte en vehículos de menos de 10 prazas:

  • Queda prohibida a utilización da praza ou prazas contiguas á do/a condutor/a por parte de menores de doce anos.
  • Os nenos e nenas comprendidos entre cinco e once anos deberán utilizar cintos de seguridade de tres puntos.
  • Do mesmo xeito que nos vehículos de maior capacidade, unicamente poderá transportarse unha persoa por praza.
É obrigatorio levar martelo rompecristais nos autobuses?

Os vehículos estarán dotados de martelos rompevidros ou outros dispositivos determinados regulamentariamente, debidamente protexidos, que só se poderán utilizar en casos de urxencia.

Os autobuses de dous pisos poden facer transporte escolar?

O Real decreto 443/2001, sobre condicións de seguridade no transporte escolar e de menores, establece no apartado 2, número 8, do artigo 4, (características técnicas dos vehículos) permite a utilización destes autobuses cando estean homologados segundo o Regulamento CEPE/ONU núm. 107.

Transporte de persoas obreiras

A contratación do transporte de persoas obreiras poderá contratarse polas organizacións representativas (sindicais) dos traballadores e traballadoras ou pola dirección dos seus centros de traballo.

O transporte realizarase a un único centro, como excepción poderá efectuarse a varios centros cando, polo seu carácter de establecementos da mesma empresa ou similar actividade, quede garantido que van servir a un grupo homoxéneo e específico de persoas usuarias, diferentes dos servizos de uso xeral.