ENCHÚFATE AO MOVEMENTO

Programa de axudas para mercar bicicletas eléctricas de pedaleo asistido
Programa EBici - a nosa pegada importa
...

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pon en marcha EBici, programa para o fomento do uso de bicicletas eléctricas con pedaleo asistido mediante unha liña de subvencións para a súa adquisición. Esta iniciativa entronca cun ámbito de traballo prioritario para a devandita consellería: a mudanza nos hábitos de mobilidade para reducir as repercusións sobre a contorna natural apostando ao tempo por modos de transporte sostibles desde o punto de vista do medio ambiente e saudables para a cidadanía, tanto dende o punto de vista individual como colectivo.

Neste senso, procúrase minimizar o emprego do coche particular e impulsar os modos de transporte non motorizados no ámbito urbano e interurbano de proximidade. Este tipo de movementos concentran gran parte dos desprazamentos cotiás da poboación. Na maioría dos casos, a distancia oscila entre os 2 e os 12 quilómetros, sendo estas marxes asumibles para o seu percorrido en bicicleta. 

As subvencións do programa EBici están deseñadas para fomentar o uso de bicicletas eléctricas e facilitar a súa compra. Deste xeito, favorecerase que os desprazamentos cotiás de curta distancia se realicen de forma sustentable, reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro ao tempo que se rebaixa a contaminación acústica. Ademais, supón unha mellora na saúde das persoas ao promover o exercicio físico. 

 

Bases do programa EBici

Preguntas frecuentes


Que é o programa EBici?

EBici é unha iniciativa da Xunta de Galicia a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade que ten por obxectivo fomentar a adquisición de bicicletas eléctricas ao tempo que procura reducir a contaminación tanto ambiental como acústica e mellorar a saúde do conxunto da poboación.

Que bicicletas son subvencionables?

Subvencionarase, en réxime de concorrencia non competitiva, a adquisición de bicicletas eléctricas novas con pedaleo asistido (que cumpran os requisitos técnicos e de equipamento estándar sinalados no artigo 3 das bases reguladoras).

Requisitos técnicos e de equipamento das bicicletas novas con pedaleo asistido:

  • Bicicleta con pedaleo asistido, nova, equipada cun motor eléctrico auxiliar, de potencia nominal continua máxima inferior ou igual a 250 W, cuxa potencia diminúa progresivamente e que finalmente se interrompa antes de que a velocidade do vehículo alcance o 25 km/h ou se o ciclista deixa de pedalear (pregables incluídas)
  • Batería de litio, con capacidade igual ou superior a 248 wh (vatios/hora).
  • Cadro ríxido (sen dobre suspensión)
  • Luz traseira e dianteira
  • Gardabarros dianteiro e traseiro completo, ambos os dous de serie
  • Pata de cabra ou cabalete
  • Cumprimento da Norma UNE-EN 15194:2018. Ciclos con asistencia eléctrica. Bicicletas EPAC

O importe total asignado a esta convocatoria é de cincocentos mil euros (500.000,00 €).

A canto ascende a subvención?

A cantidade da subvención non poderá ser superior ao 50% do prezo da bicicleta eléctrica con pedaleo asistido para un/unha beneficiario/a xeral (cun límite de 500 €).

No caso de integrantes dunha familia numerosa, chegará até o 60% (cun límite de 600).

Por último, o tope para quen forme parte dunha familia numerosa con categoría especial será do 70% (cunha contía máxima de 700 €).

Unha persoa beneficiaria só poderá recibir axuda pola adquisición dunha única bicicleta eléctrica con pedaleo asistido.

Como pode solicitala?

Para ser beneficiario/a terá que tramitar a súa solicitude a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren na listaxe que se publicará nesta páxina antes da data límite de final do prazo de presentación de solicitudes.

Será a entidade colaboradora a encargada de presentar telematicamente a solicitude de axuda.

Ata cando pode solicitar a subvención?

O prazo de presentación das solicitudes comezará o 1 de agosto de 2022 ás 10.00 horas.

Finalizará o 15 de novembro de 2022 ou cando se esgoten os fondos.

Cales son os establecementos adheridos a EBici?

Serán entidades colaboradoras os establecementos comerciais situados na Comunidade Autónoma de Galicia que se adheriron a este programa.

Estas entidades exhibirán nos seus centros de traballo ou puntos de venda este cartel identificativo.

Ademais, nesta páxina pode consultar unha listaxe actualizada das entidades colaboradoras adheridas a esta convocatoria de axudas.

Inscríbete no programa!

Apúntate ao movemento EBici da Xunta de Galicia aquí.
Correo de contacto para dúbidas ebici.mobilidade@xunta.gal