CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta Arbitral de Transportes de Galicia

A Xunta Arbitral de Transportes de Galicia é un órgano extraxudicial de resolución de conflitos xurdidos durante a execución de contratos de transporte. Así, presentando unha reclamación ante este órgano, ponse en marcha un procedemento arbitral ao que son chamadas as dúas partes, que expoñen as súas posicións, e finalmente a Xunta Arbitral decide a través dun laudo arbitral, que ten un valor equivalente ao dunha sentenza xudicial.

Poden empregar esta vía tanto as persoas consumidoras e usuarias como os profesionais, para reclamar, por exemplo:

  • impagamento de servizos de transporte
  • danos ou perdas ocasionados a equipaxes durante un servizo de transporte público
  • danos ou perdas de vultos en servizos de paquetería
  • cobros excesivos en servizos de transporte público de viaxeiros/as ou en servizos de aluguer de vehículos sen condutor
  • etc.

Para reclamar, hai que redactar un escrito, no que se indicará o nome, NIF e enderezo da persoa ou entidade reclamante e da persoa ou entidade reclamada, así como os fundamentos en que se basea a reclamación e a contía económica concreta que se solicita. Este escrito deberá estar asinado e presentarase nun rexistro administrativo (físico ou electrónico) ou enviarase por correo postal dirixido ao seguinte enderezo:

Xunta Arbitral de Transportes de Galicia
(Dirección Xeral de Mobilidade)
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela

Para que lle resulte máis fácil elaborar ese escrito, pode empregar o modelo que ten dispoñible máis abaixo.

O escrito deberá ir acompañado de toda a documentación da que se dispoña en relación co servizo controvertido (tal como billetes, contratos, albarás, correos electrónicos, etc.). Isto é especialmente importante no caso daquelas reclamacións que, consonte o que se explica no parágrafo seguinte, vaian ser resoltas sen vista oral, xa que en tales casos a decisión adoptarase unicamente en atención á documentación que conste no expediente.

Unha vez presentado o escrito, analizarase o seu contido e determinarase a necesidade de celebrar unha vista oral, á que serán citadas ambas partes. Se a cantidade que se reclama é superior a 100 euros, a vista oral é obrigatoria; para reclamacións iguais ou inferiores a esa contía, só se celebrará vista oral en supostos de especial complicación.

Logo do anterior, a Xunta Arbitral ditará o laudo arbitral, que é obrigatorio para ambas as dúas partes.

Pode obter máis información sobre a Xunta Arbitral na sección de preguntas frecuentes (menú da esquerda) ou nos teléfonos 981 54 45 65 ou 881 99 50 76.

Documento/s relacionados
  • Modelo de reclamación ante a Xunta Arbitral de Transportes Descargar
  • Modelo de solicitude de depósito (formato PDF) Descargar  (36 KB)
  • Composición da Xunta Arbitral Descargar
  • Normativa - Lei orgánica 5/1987, delegación de competencias en comunidades autónomas (art. 12) Descargar
  • Normativa - Lei 16/1987, de ordenación dos transportes terrestres (arts. 37ss.) Descargar
  • Normativa - Real decreto 1211/1990, de desenvolvemento da Lei de ordenación dos transportes terrestres (arts. 6ss) Descargar
  • Normativa - Orde 09/10/1991, reguladora da Xunta Arbitral de Transporte de Galicia Descargar
  • Normativa - Corrección de erros Orde 09/10/1991, reguladora da Xunta Arbitral de Transporte de Galicia Descargar