CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta pon en marcha unha campaña de concienciación en seguridade viaria para lembrarlles aos peóns e aos condutores que “na estrada somos pezas fráxiles”

Ethel Vázquez presentou esta medida como o “pistoletazo de saída” do novo Plan de seguridade viaria de Galicia 2021-2025 e convida aos diferentes axentes sociais e institucionais a participar na súa elaboración para avanzar no obxectivo final das cero vítimas nas estradas

A nova campaña da Xunta achegará recomendacións para os diferentes usuarios das estradas co lema “Mirar por min é mirar por todos”

A primeira fase comezará mañá e durante as vindeiras tres semanas centrará a súa atención nos peóns, lembrando a necesidade de empregar prendas reflectoras, de camiñar pola esquerda da estrada ou de escoller o lugar máis seguro para cruzar

A campaña retomarase en outubro poñendo o foco nos condutores, que co cambio de estación deben adaptar a súa circulación ás condicións climatolóxicas e asegurarse de que o vehículo se atopa no estado axeitado
 

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2021.- A Xunta de Galicia porá en marcha mañá, 22 de xullo, unha campaña de concienciación en seguridade viaria que ten como obxectivo lembrarlles tanto aos peóns como aos condutores que “na estrada somos pezas fráxiles”, empregando como reclamo figuras con estética de Sargadelos.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, presentou hoxe esta iniciativa xunto coa delegada de STOP Accidentes en Galicia, Jeanne Picard, e o presidente de Sargadelos, Segismundo García. No acto, que tivo lugar no Xardín do Teatro da Cidade da Cultura, participaron tamén os delegados territoriais da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; en Lugo, Javier Arias; e en Ourense, Gabriel Alén, ademais de representantes de diferentes institucións e colectivos relacionados coa seguridade viaria.

Na súa intervención, Vázquez Mourelle presentou esta campaña como o “pistoletazo de saída” para a elaboración do novo Plan de seguridade viaria de Galicia 2021-2025 e convidou aos diferentes axentes sociais e institucionais a participar activamente na súa elaboración para avanzar no obxectivo final das cero vítimas nas estradas.

Lembrou que a suma de esforzos e o traballo conxunto das administracións e a sociedade permitiu reducir significativamente as cifras de mortos en accidentes nos últimos anos, pasando dos 144 falecidos en 2011 aos 90 rexistrados en 2019.

A conselleira apuntou que estas cifras continúan a ser inasumibles porque cada vítima nas estradas “é un dama” e por iso o novo Plan de seguridade viaria 2021-2025 ten como lema “Visión cero’, en referencia á eliminación total dos mortos en accidentes, un obxectivo que, dixo, require da implicación de todos.

Nese sentido, Ethel Vázquez puxo en valor o esforzo que realiza a Xunta por reforzar a seguridade viaria nas estradas autonómicas, apuntando a necesidade de contar coa implicación da sociedade no seu conxunto e a nivel individual “para acabar coa lacra dos accidentes de tráfico”.

Nese obxectivo enmarcou a nova campaña presentada hoxe, que dá continuidade a outras previas, centradas en usuarios vulnerables, como os ciclistas, ou na alerta sobre os riscos das distraccións ao volante.

Nesta ocasión, para contribuír a evitar que a recuperación da mobilidade se vexa empañada polos accidentes de tráfico, a Xunta pon en marcha unha campaña que apela á responsabilidade individual de peóns e condutores, lembrándolles que son “pezas fráxiles” cando usan as estradas.

Co lema “Mirar por min é mirar por todos”, a campaña lembra que, ademais de protexerse do virus, os cidadáns deben previr o risco de accidentes, adoptando unha serie de medidas que supoñen coidar dun mesmo, pero tamén do resto de usuarios da estrada.

A primeira fase da campaña comezará mañá e durante as vindeiras tres semanas centrará a súa atención nos peóns, lembrándolles a necesidade de empregar prendas reflectoras, de camiñar pola esquerda da estrada sempre que non exista senda ou beirarrúa, ou de escoller o lugar máis seguro para cruzar.

A campaña retomarase en outubro poñendo o foco nos condutores, que co cambio de estación deben adaptar a súa circulación ás condicións climatolóxicas e asegurarse de que o vehículo se atopa no estado axeitado.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es