CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta avanza na execución do centro integral de saúde de Lalín, cos traballos de cimentación xa finalizados

As obras progresan a bo ritmo, cunha execución incluso adiantada con respecto á programación inicialmente establecida, tal e como constataron a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e o alcalde nunha visita ás obras a semana pasada

As tarefas de cimentación quedaron rematadas esta mesma semana nos brazos que conforman a estrutura das novas instalacións sanitarias

Nun dos brazos tamén está acabada a execución dos muros de forxado sanitario e van comezar os traballos de encofrado do forxado de lousa do andar baixo

O CIS, situado no Alto de Vales, contará cunha superficie de 5.500 m² na que se integrarán un Centro de Saúde e un Punto de Atención Continuada e estará rematado a finais de 2022

Trátase de ofrecer servizos sanitarios de primeiro nivel aos veciños de Lalín, Agolada, Rodeiro e Dozón e certas asistencias aos de Silleda e Vila de Cruces, beneficiando a máis de 35.000 persoas
 

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2021.- A Xunta avanza nas obras de construción do Centro Integral de Saúde (CIS) de Lalín, finalizando xa a fase de cimentación.

As actuacións, que comezaron en maio, seguen progresando a bo ritmo, cunha execución incluso adiantada con respecto á programación inicialmente establecida, tal como puido constatar a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na visita que realizou ás obras a semana pasada, xunto co alcalde de Lalín, José Crespo.

Os traballos de cimentación quedaron rematados nos brazos que conforman a estrutura das novas instalacións sanitarias, rematando esta mesma semana a cimentación no brazo que restaba, o máis próximo ao acceso.

A execución dos muros de forxado sanitario tamén está xa acabada nun dos brazos e van comezar os traballos de encofrado do forxado de lousa do andar baixo. No brazo central xa están comezando a executarse os muros de peche do forxado sanitario.

A intervención, cun investimento autonómico de 9 millóns de euros, ten como obxectivo ofrecer aos veciños da comarca de Deza un equipamento sanitario de vangarda a finais do ano 2022.

O Centro Integral de Saúde de Lalín é o segundo destas novas instalacións sanitarias de referencia que se constrúe en Galicia, logo do que a Xunta está a executar na cidade de Lugo, e aos que pronto se sumará o CIS Olimpia Valencia de Vigo, actualmente en fase de redacción do proxecto.

O edificio está situado nunha parcela de máis de 15.000 m² do Alto de Vales e contará con boas comunicacións, pola proximidade da estrada N-525. O CIS disporá dunha superficie de 5.500 m² na que se integrarán un Centro de Saúde e un Punto de Atención Continuada.

Nas súas instalacións haberá área asistencial, área pediátrica, especialidades médicas e unidades complementarias, como hospitalización a domicilio, saúde mental, hemodiálise ou atención á muller.

O obxectivo da Xunta é ofrecer servizos sanitarios de primeiro nivel aos veciños de Lalín, Agolada, Rodeiro e Dozón, ademais de prestar certas asistencias aos veciños de Silleda e Vila de Cruces, beneficiando a máis de 35.000 persoas.

O Centro Integral de Saúde de Lalín e comarca de Deza é unha actuación financiada pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es