CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta selecciona seis concellos para a elaboración e implantación de plans municipais de abastecemento autónomo, que suporán un investimento de 900.000 €

Os municipios seleccionados foron Oia, Baleira, Oímbra, Mondariz, San Xoán de Río e Cerdedo-Cotobade

O obxectivo é dotar as entidades locais de información sobre o nivel de garantía do abastecemento de auga potable á súa poboación e dun instrumento de planificación para a mellora da prestación deste servicio, de competencia municipal

Os traballos de Augas de Galicia coas entidades locais comezarán o vindeiro mes de xullo e a elaboración dos plans realizaranse durante 18 meses

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, comunicoulle hoxe aos concellos de Oia, de Baleira, de Oímbra, de Mondariz, de San Xoán de Río e de Cerdedo-Cotobade que foron seleccionados para a elaboración e implantación de plans de abastecemento autónomo nos seus municipios.
Co desenvolvemento destes plans, a cuxa elaboración a Xunta destinará un investimento de 900.000 euros, búscase que estes seis concellos dispoñan de información detallada sobre o nivel de garantía do abastecemento de auga potable á súa poboación, máis alá das súas redes municipais, e que conten cun instrumento básico para planificar e priorizar as intervencións de mellora precisas, o que redundará na mellor prestación deste servicio básico, de competencia municipal, á poboación.
A Xunta prevé o inicio dos traballos coas entidades locais o vindeiro mes de xullo. A elaboración dos plans nos concellos seleccionados realizaranse durante 18 meses.

O desenvolvemento dos Plans

Os obxectivos específicos do desenvolvemento destes plans son, en primeiro lugar, mellorar o coñecemento sobre os sistemas de abastecemento autónomo de cada un dos concellos, a poboación abastecida por eles, o nivel de garantía do servizo que prestan e as súas vulnerabilidades. Esta primeira parte permitirá, a continuación, identificar e priorizar as actuacións necesarias en materia de abastecemento autónomo nos distintos concellos.
Para levar a cabo esta iniciativa, o departamento que preside Ethel Vázquez lanzou o pasado mes de abril unha convocatoria para promover a implantación dos correspondentes plans municipais de abastecemento autónomo nun total de seis concellos.
Entre as catorce expresións de interese recibidas desde os municipios, a entidade hidráulica da Xunta seleccionou os seis municipios considerados máis axeitados para o desenvolvemento dos plans, nos que se financiará a análise de ata 200 pequenos sistemas de abastecemento de auga de consumo.
Augas de Galicia tamén dirixirá e supervisará os traballos de elaboración, acompañará e asesorará aos concellos durante todo o proceso e divulgará os resultados, fomentando a elaboración de máis plans municipais de abastecemento autónomo.
Estes seis concellos seleccionados tamén contribuirán á elaboración do plan de abastecemento autónomo, subministrando a información e recompilando os datos necesarios, actuando como enlace coa poboación beneficiaria, informándoa en todo momento dos avances e promovendo a súa implicación. Ademais, as entidades locais comprométense a aprobar no pleno municipal a participación na elaboración dos plans e, unha vez elaborado, a tramitar e, no seu caso, aprobar, o propio Plan municipal de abastecemento autónomo.
O programa é o resultado do desenvolvemento do proxecto europeo LIFE12 ENV/ERES/000557 Rural Supplies, promovido polo Concello de Abegondo, Augas de Galicia e a Consellería de Sanidade. No proxecto piloto desenvolvido en Abegondo, comprobouse a viabilidade técnico-económica dos sistemas autónomos de xestión veciñal fronte os centralizados de titularidade pública, na dotación dos servizos da auga ás localidades do rural disperso.

Fortalecemento do modelo autónomo de abastecemento rural

Cómpre destacar que actualmente en Galicia máis de 580.000 persoas, sobre unha poboación de 2,7 millóns, consumen auga a través de solucións autónomas. Un 10% dos galegos abastécese a través de redes veciñais e un 13% autoabastécese mediante pozos ou mananciais privados.
A Xunta ten entre un dos seus obxectivos estratéxicos fortalecer a sustentabilidade das pequenas subministracións nas comunidades rurais dispersas que carecen de auga potable, como modelo alternativo á municipalización dos servizos en poboacións moi pequenas e dispersas, que se demostrou, en xeral, moito menos eficaz para estes lugares.
A Xunta traballa en dúas liñas para o fortalecemento do modelo autónomo de abastecemento. Por unha banda, apoiando economicamente ás comunidades de usuarios por medio da nova liña de subvencións que se iniciou o ano pasado, para mellorar instalacións e procesos que repercutan nunha maior garantía sanitaria da auga abastecida en traídas veciñais. Doutra banda, con este programa que pretende implicar en maior medida aos concellos, como responsables últimos do abastecemento nos seus municipios, e ás propias comunidades de usuarios de augas, por medio da implantación de plans municipais de abastecemento autónomo.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es