CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

As obras da autovía Nadela-Sarria obrigan a cortar o tráfico a mañá do martes entre os enlaces da Pobra de San Xiao e Sarria Norte

Amplíase o horario de peche durante esa xornada debido á execución de microvoaduras

Lugo, 13 de xuño de 2021.- As obras de conversión en autovía da vía de altas prestacións Nadela-Sarria, que desenvolve a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, obrigarán a pechar ao tráfico durante toda a mañá do martes o tramo entre os enlaces da Pobra de San Xiao e Sarria norte.

Nas últimas semanas programáronse os traballos con explosivos de xeito que só foi preciso restrinxir a circulación os martes, mércores e xoves non festivos entre as 13.00 e as 15.00 horas. Neste momento é necesario realizar microvoaduras, o que significa maior número de explosións aínda que con menos carga total, polo que o martes adiántase o horario de peche ás 9.30 horas para poder levalas a cabo. O treito afectado discorre, en concreto, entre os enlaces do quilómetro 13 (O Páramo, A Pobra de San Xiao) e o do quilómetro 22 (Sarria norte, Morelle).

O mércores pecharase ao tráfico, xa co horario que estaba establecido, entre as 13,00 e as 15,00 horas, o tramo entre o enlace do quilómetro 22 e o do quilómetro 26 (Sarria Sur, Albán). En todos os casos, os desvíos estarán debidamente sinalizados e o traxecto alternativo realizarase pola estrada LU-546.

Estes traballos enmárcanse nas obras da primeira fase da conversión en autovía da vía de altas prestación Nadela-Sarria, cun investimento da Xunta de case 25 millóns de euros e cun prazo de execución de 24 meses.

Estase a construír unha nova calzada paralela á existente, pola marxe esquerda sentido A Pobra de San Xiao, pasando dunha calzada con dous carrís actuais a dúas calzadas con dous carrís por sentido.

A intervención incluirá tamén a adaptación dos enlaces e dos pasos inferiores existentes, así como a reposición dos camiños de servizo afectados. Ademais, contará con valla reforzada en ambos os lados para reducir a accidentalidade causada polo xabaril.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es