CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a aprobación do proxecto de execución da nova senda na PO-308 entre Fontenla e Combarro, no concello de Poio

A intervención conta cun investimento autonómico que rolda os 975.000 euros e desenvólvese nun treito de preto de 1,7 km

O itinerario compleméntase coa intervención proxectada para incrementar a seguridade viaria en Fontela, coa mellora das interseccións para diminuír a velocidade nese treito

Estas actuacións de mellora da seguridade viaria e a mobilidade terán a súa continuidade na senda entre Combarro-Chancelas-Samieira, que ao longo deste ano será sometida a un novo trámite de información pública para, a continuación, licitar as obras
 

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de execución da nova senda na estrada autonómica PO-308, entre Fontenla e Combarro, no concello de Poio.
Esta actuación, que disporá dun prazo de execución de dezaoito meses, conta cun investimento autonómico que rolda os 975.000 euros, nos que se inclúe o pagamento dos 49 predios necesarios para levar a cabo a actuación.
O DOG tamén publica a aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://xurl.es/lcbo6
Onte mesmo o Consello da Xunta autorizou o decreto das expropiacións para impulsar a construción deste itinerario nesta estrada, que se desenvolve pola marxe esquerda, entre os puntos quilométricos 3+500 a 5+150 e inclúe un pequeno treito na marxe dereita entre o punto 3+ 500 e a intersección situada no 3+620; é dicir, entre a glorieta da VG-4.8 e o acceso ao IES de Poio.
A Xunta procederá ao levantamento de actas previas e á licitación destas obras no segundo semestre deste ano.
O novo itinerario ten como finalidade fomentar unha mobilidade alternativa e sostible, a través da execución dunha senda que discorre sensiblemente en paralelo á estrada autonómica. O itinerario de preto de 1,7 quilómetros de lonxitude, terá un ancho mínimo variable de 2,2 metros, separado da calzada por un bordo de formigón e irá elevado sobre a mesma 10 centímetros.
Construirase unha pasarela-voadizo no punto quilométrico 4+260 sobre o rego da Cancela, e adaptarase a rede existente de drenaxe, abastecemento, electricidade e iluminación. Tamén se disporá a instalación de mobiliario urbano e executaranse zonas axardinadas con rego programado.
Ademais, entre as actuacións destaca a execución do novo itinerario na vía municipal de baixada á Seca desde a intersección do punto quilométrico 4+350, e novo paso de peóns no 4+420.

A transformación de PO-308

O deseño desta nova senda é complementario e desenvólvese de forma coordinada co proxecto construtivo de mellora da seguridade viaria no entorno do tramo de concentración de accidentes (TCA) na estrada PO-308, en Fontenla. Onte mesmo, o Consello da Xunta autorizou o decreto de expropiacións deste proxecto.
Neste caso, a actuación proxectada polo departamento de Infraestruturas da Xunta, entre os puntos quilométricos 3+500 e 5+100, prevé a mellora das interseccións no treito da PO-308 entre Fontenla e Combarro, reducir o número de xiros á esquerda entre os puntos quilométricos 4+700 e 5+600, e acadar unha diminución da velocidade nesa zona.
Estas dúas actuacións de mellora da seguridade viaria e a mobilidade terán a súa continuidade na senda do tramo Combarro-Chancelas-Samieira, entre os puntos quilométricos 5+680 e 8+200.
Neste caso, tal é como publica tamén hoxe o DOG, logo de analizar as suxestión presentadas ao proxecto e valorar as necesidades da contorna, vai ser obxecto de reformulación. O obxectivo da Xunta é impulsar un novo trámite de información, que se prevé acometer ao longo deste ano para, a continuación, poder licitar a execución das obras. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a dita resolución: https://xurl.es/b3cxv
Estas novas intervencións súmanse ás xa executadas polo departamento que dirixe Ethel Vázquez na estrada PO-308, o que está a permitir unha transformación histórica ao longo de toda a súa lonxitude.
No marco do Plan de Sendas de Galicia, esta estrada autonómica suma 19 quilómetros de novas sendas, contando ambas as marxes, dos cales 15 xa están executados. Ademais das actuacións no termo municipal de Poio, están xa á disposición dos veciños e visitantes as sendas entre Portonovo e A Lanzada ou a mellora da travesía de Sanxenxo. Tamén están a executarse as obras de mellora da seguridade viaria na contorna do acceso a Areas.
En conxunto, a Xunta leva mobilizados 15,65 M€ nos últimos 5 anos na transformación da estrada PO-308. Estas actuacións completaranse a curto prazo con outros 2,14 M€ nas sendas e melloras de seguridade viaria na contorna de Combarro en Fontela, e de Chancelas ata Samieira.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es