CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta porá en servizo esta semana as dúas novas glorietas de Lapamán e de Agrelo, en Bueu, executadas no marco das actuacións de mellora da seguridade viaria na estrada PO-551

Estas rotondas enmárcanse na intervención que está a executar a Xunta para eliminar un treito de concentración de accidentes na estrada PO-551, en Bueu e Marín, cun investimento de 1,2M€

Trátase de dúas glorietas no acceso á praia de Lapamán e na intersección coa estrada provincial EP-1304, mellorando o acceso á praia de Agrelo, no punto quilométrico 8+950

O proxecto tamén inclúe unha senda que dará continuidade ata o acceso á praia de Lapamán ou o reforzo da sinalización dos pasos de peóns nas parroquias de Cela e Bueu

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2021.- O avance nas obras de mellora de seguridade viaria que está a acometer a Xunta na estrada PO-551 permitirá poñer en funcionamento esta mesma semana as dúas novas glorietas nas zonas de Lapamán e de Agrelo, en Bueu.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa avanzando na mellora da seguridade viaria na estrada autonómica PO-551 ao seu paso polos concellos de Bueu e de Marín, que supón un investimento autonómico de case 1,2 millóns de euros.
No marco destes traballos, construíronse dúas novas rotondas no acceso á praia de Lapamán e na intersección coa estrada provincial EP-1304 e mellorouse a intersección de acceso á praia de Agrelo, no punto quilométrico 8+950.
A Xunta incorporou as suxestións presentadas no período de información pública do proxecto, introducindo o cambio de configuración na glorieta de Agrelo, que se desprazou á intersección contigua da inicialmente prevista para reducir a súa afección.
Na glorieta de Lapamán tamén se realizou un axuste para reducir a ocupación e mellorouse a conexión peonil coa vía de baixada á praia, habilitando ademais unha nova zona de aparcamento.
O proxecto tamén inclúe a execución dunha senda que dará continuidade ata o acceso á praia de Lapamán.
Ademais refórzase a sinalización dos pasos de peóns existentes nas parroquias de Cela e Bueu, coa instalación de semáforos con pulsador en dous deles e sinalización luminosa nos restantes.
Outras actuacións complementarias son a instalación de captafaros, a substitución dos postes das barreiras e a renovación da sinalización horizontal.

Estas intervencións están enmarcadas na estratexia que está a desenvolver a Xunta para eliminar os treitos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es