CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta solicita que a conexión ferroviaria entre Ferrol e A Coruña se integre como parte do Corredor Atlántico de Mercadorías e se transforme en competitiva

Ethel Vázquez avanza que a Xunta lle solicitará o venres ao ministro de Transportes un plan para reducir á metade o tempo de viaxe en tren entre Ferrol e A Coruña

Destaca que os menores de 21 anos viaxan gratis nos buses urbanos e interurbanos da área coa tarxeta Xente Nova, que en maio se estenderá á liña cara á Coruña

Subliña o investimento autonómico de máis 7M€ na continuación do interceptor desde A Malata á Graña para levar as augas residuais á depuradora de Cabo Prioriño, cuxas obras están xa rematadas

Sinala que en canto o Concello resolva a acometida eléctrica se activarán estas infraestruturas, completando o saneamento da ría coa achega da Xunta de 100 M€

Traslada o compromiso do Goberno galego de achegar o financiamento maioritario para o saneamento da marxe dereita do río Sardiña e de cofinanciar o saneamento rural ás parroquias de Covas, Esmelle, San Xurxo ou Doniños
 

Ferrol, 7 de abril de 2021.- A Xunta solicitou ante as autoridades comunitarias que a conexión ferroviaria entre Ferrol e A Coruña se integre como parte do Corredor Atlántico de Mercadorías e se transforme en competitiva.

Así llo trasladou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao alcalde de Ferrol, Ángel Mato, nun encontro de traballo no que tamén participou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor. Vázquez Mourelle cualificou de oportuna esta reunión ao estar previsto o vindeiro venres un novo encontro entre o presidente da Xunta e o ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, no que figuran asuntos que afectan directamente a esta cidade.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade comunicoulle ao rexedor que o Goberno galego demandou ante as autoridades comunitarias a ampliación do trazado do Corredor Atlántico para que chegue a Ferrol, unha demanda que, de ser aceptada pola UE, abre posibilidades de financiamento para modernizar a conexión ferroviaria Ferrol-A Coruña.

Ethel Vázquez lembrou que a mellora da conexión por ferrocarril entre Ferrol e A Coruña é unha prioridade que o presidente Feijóo xa lle trasladou ao ministro de Transportes o pasado 10 de marzo. Confirmou, neste sentido, que a Xunta lle solicitará, na reunión do venres, ao Goberno de España unha planificación de obras e investimentos para reducir o tempo de viaxe entre Ferrol e A Coruña desde os 80 minutos actuais ata aproximadamente a metade.

Tanto o Goberno galego como o Concello comparten que o Eixe Atlántico ferroviario non estará completo ata que non chegue a Ferrol, polo que cómpre seguir demandando investimentos ao Goberno de España que incidan na modernización e competitividade desta liña ferroviaria.

En materia de mobilidade, a responsable de Infraestruturas puxo en valor que Ferrol ten, desde hai preto dun ano e grazas á Xunta, un novo contrato de transporte público máis moderno, eficiente e adaptado ás necesidades dos cidadáns.

Remarcou que os menores de 21 anos viaxan gratis nos autobuses urbanos e nas liñas que conectan Ferrol cos concellos da contorna grazas á tarxeta Xente Nova da Xunta. Neste sentido, adiantou que, a partir de maio, se vai estender esta iniciativa aos autobuses da liña Ferrol-A Coruña, na que estes mozos tamén van poder viaxar de balde empregado a Xente Nova.

Fixo fincapé na mellora dos servizos de transporte público na área con reforzos como o iniciado este pasado luns para traballadores entre Ferrol e A Coruña, incorporando novos servizos e as paradas demandadas no centro da cidade herculina.

Actuacións de saneamento

Na xuntanza tamén se abordou o saneamento da ría de Ferrol, no que a Xunta vén de investir máis de 7 millóns de euros para continuar o interceptor xeral da Gándara desde A Malata ata A Graña coa fin de levar as augas residuais á depuradora de Cabo Prioriño.

A conselleira sinalou que os traballos están rematados e as novas infraestruturas están preparadas para entrar en servizo en canto o Concello resolva o contrato da acometida eléctrica. Polo tanto, é preciso que o Concello axilice este trámite para ver funcionando estas obras, coas que remata o obxectivo común do saneamento da ría, no que a Xunta leva investidos máis de 100 millóns de euros.

Ethel Vázquez apuntou que o Goberno galego, consciente das dificultades técnicas e económicas da xestión do ciclo da auga, tamén está a traballar para completar o saneamento da Malata coa conexión ao sistema da marxe dereita do río Sardiña. Neste sentido, indicou que xa está redactado o proxecto, no marco do que a Xunta está disposta a achegar o financiamento maioritario para a execución das obras, que precisan dun investimento de preto de 900.000 euros.

Nos vindeiros días, tal como acordaron a conselleira e o alcalde, Augas de Galicia remitirá ao Concello unha proposta de convenio cos termos concretos de cofinanciamento das obras.

Ademais na xuntanza abordouse o proxecto para dotar de saneamento o rural ferrolán, en concreto, ás parroquias de Covas, Esmelle, San Xurxo ou Doniños. A ese respecto, o Executivo autonómico comprométese a achegar financiamento, que debe completarse coa achega principal por parte do Concello, tal e como se estableceu hai anos.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es