CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta destaca a estación intermodal como exemplo da súa aposta pola mobilidade en Pontevedra e reclama ao Goberno de España avances na circunvalación e o nó de bombeiros

Alfonso Rueda salienta o compromiso da Xunta coa cidade cun investimento de case 200 M€ na intermodal, o Gran Montecelo ou a mellora do saneamento da ría

Ethel Vázquez explica que o conxunto intermodal, cun grado de execución do 60%, estará rematado en verán cun investimento de 6 M€, 4,6 M€ da Xunta

Subliña que este proxecto estratéxico facilitará o intercambio áxil e seguro entre o tren e o autobús e creará novos espazos urbanos de calidade para os veciños

Indica que en xuño se activarán melloras e bonificacións no transporte público na cidade, logo da sinatura dos correspondentes convenios entre a Xunta e o Concello

Remarca que 5.250 menores de 21 anos de Pontevedra e doutros 12 concellos da área xa viaxan gratis no autobús coa tarxeta Xente Nova que financia a Xunta

Pontevedra, 6 de abril de 2021.- A Xunta destaca a estación intermodal como exemplo da súa aposta pola mobilidade en Pontevedra e reclama ao Goberno de España avances na execución da Circunvalación e do Nó de Bombeiros.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta, Luis López, supervisaron hoxe o avance dos traballos da estación intermodal de Pontevedra.

Alfonso Rueda destacou o amplo compromiso da Xunta coa cidade, cun investimento de case 200 millóns de euros con grandes obras como a estación intermodal, o Gran Montecelo, o edificio de Benito Corbal ou as melloras no saneamento da ría, con proxectos como a mellora da depuradora dos Praceres ou o impulso ao novo emisario submarino.

Rueda tamén subliñou a implicación da Xunta na defensa dos intereses da cidade ante o Goberno central. Por iso, solicita a axilización dos compromisos do Executivo estatal en actuacións claves para a cidade como a remodelación do Nó de Bombeiros e a circunvalación de Pontevedra.

Así, no primeiro caso, o Goberno galego reclama a licitación das obras desta actuación aprobada en 2015 para reordenar un enlace de acceso da AP-9 á cidade.

No caso da circunvalación, a Xunta insta a avanzar no único dos tres tramos en execución –o de Vilaboa ata A Ermida- e impulsar os dous restantes –de A Ermida a Pilarteiros e de Pilateiros a Barro- mediante un trazado respectuoso coa poboación afectada. O vicepresidente primeiro incidiu na necesidade desta infraestrutura para conectar de norte a sur os concellos de Barro, Pontevedra e Vilaboa.

No que se refire ás actuacións do complexo intermodal, Ethel Vázquez salientou roldan o 60% da súa execución total, polo que en verán esta infraestrutura estará á disposición de veciños e usuarios, logo dun investimento de 6 M€, dos que a Xunta achega 4,6 millóns. As actuacións están cofinanciadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Fixo fincapé en que se trata dun proxecto estratéxico que facilitará o intercambio áxil e seguro entre o tren e o autobús e creará novos espazos urbanos de calidade.

Explicou que se están a executar dúas actuacións de xeito paralelo: a remodelación integral da estación de autobuses e o proxecto de adecuación para a intermodalidade.

Sinalou que a reforma integral da estación, que inclúe a renovación da fachada, cuberta, interiores e mellora das instalacións, está avanzada. Indicou que os próximos traballos serán os pavimentos e revestimentos, xunto coa intervención na fachada.

En canto ao proxecto de intermodalidade, subliñou que a praza de acceso fronte á estación de autobuses para conectar as dúas estacións está xa practicamente rematada. Sinalou que tamén se están a executar o itinerario peonil entre as dúas estacións, coa estrutura da pasarela xa visible, e o novo acceso de autobuses desde Josefina Arruti.

Referiuse a que este novo acceso e o peche do ramal actual de entrada á estación, que está previsto no mes de maio, permitirá “destapar” o río Gafos e poñelo en valor, adecuando toda a súa contorna e gañando un novo espazo público de gran valor ambiental.

Ethel Vázquez tamén lembrou que a Xunta está a poñer o transporte interurbano, de titularidade autonómica, ao servizo do Concello para que a cidade poida dispoñer de transporte urbano, no que os usuarios poderán desfrutar das vantaxes que supón a utilización das tarxetas TMG e Xente Nova da Xunta.

O Goberno galego e o Concello acordaron activar melloras nos servizos e bonificacións no transporte público na cidade, que estarán operativos no mes de xuño, logo da sinatura dos correspondentes convenios.

Esa colaboración posibilita que os veciños de Pontevedra dispoñan de novos servizos entre Monteporreiro, Xunqueira e as estacións de tren e de ferrocarril e tamén entre Monteporreiro, Montecelo e a Praza de Galicia.

Ademais, os cidadáns de Pontevedra disporán de descontos no prezo do billete, bonificando 0,65 € as viaxes dentro do termo municipal e os transbordos.

Ethel Vázquez remarcou que desde mediados do ano pasado, os menores de 21 anos de Pontevedra e doutros 12 concellos da área poden viaxar gratis no autobús coa tarxeta Xente Nova que financia a Xunta.

Neste sentido, subliñou que a día de hoxe 5.250 mozos desta contorna viaxan de balde no autobús interurbano.

Engadiu que os maiores de 21 anos da área tamén poden beneficiarse das vantaxes que supón o uso da tarxeta de TMG da Xunta, cun 10% de desconto en todas as viaxes. Precisou que son máis de 4.800 as persoas as que xa empregan este dispositivo.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es