CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez destaca o valor patrimonial do acondicionamento da contorna da Ponte Vella de Ourense, no que a Xunta inviste 1,1 M€ coa fin de poñelo ao servizo de veciños e visitantes no verán

Esta nova actuación abarca a propia Ponte romana e a oficina de turismo, a contorna da Capela dos Remedios e a mellora da conexión co río Miño, sobre o que se habilita un novo miradoiro

As obras permiten o aproveitamento do espazo antes ocupado polo skate-park, que se traslada ao parque do Couto, onde tamén se habilitará un pum-track para bicis

Actualmente, trabállase na construción do acceso ao paseo das Ninfas, na zona do paseo entre a Ponte Vella e a Ponte do Milenio e no muro e a placa que conecta o paseo coa escaleira de subida á ponte do Milenio

Vázquez Mourelle avanza que nos vindeiros días comezará o acondicionamento da contorna da Capela dos Remedios

A obra dá continuidade á executada en 2016, acadando un investimento global da Xunta superior aos 1,5 M€ na Ponte Romana de Ourense

Ourense, 22 de febreiro de 2022.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o valor patrimonial do acondicionamento da contorna da Ponte Vella de Ourense, no que a Xunta inviste 1,1 millón de euros coa fin de poñelo aos servizo de veciños e visitantes no verán.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou hoxe a nova actuación na antiga ponte romana que, segundo subliñou, “está chamada a resaltar a monumentalidade deste conxunto emblemático entre a Ponte e a Capela dos Remedios, reforzando o vínculo entre estes dous elementos patrimoniais e ofrecendo unha imaxe máis integrada, máis humana e máis amable para os veciños e veciñas de Ourense pero tamén para os turistas e os peregrinos”.

Sinalou que esta actuación, que responde a un traballo conxunto e coordinado entre as Consellerías de Infraestruturas e Cultura e o Concello de Ourense tras o convenio de colaboración asinado hai dous anos, busca acrecentar o potencial turístico de Ourense como cidade vinculada ao río Miño e ao Xacobeo. A ponte, ademais de ser o principal símbolo da cidade, tamén forma parte da Vía da Prata.

A conselleira destacou os distintos ámbitos desta actuación, que abarca a propia Ponte e a oficina de turismo, a Capela dos Remedios, co traslado do skate-park, acadando así un espazo amplo e aberto cunha imaxe única; e a mellor conexión co río Miño, tanto peonil como funcional habilitando ademais un novo miradoiro orientado ao río. E por último, o novo skate-park no parque do Couto, e o pump-track, ese circuíto de bicis con diferentes obstáculos para percorrer de xeito continuo, nunha parcela anexa.

A titular de Infraestruturas da Xunta sinalou que os traballos, que comezaron o pasado mes de setembro e estiveron moi condicionados polas malas condicións climatolóxicas, se atopan xa nun grao de execución que chega ao 31%.

Neste tempo os traballos centráronse na zona contigua á propia Ponte, coa construción do acceso ao paseo das Ninfas, onde xa está executado o movemento de terras; os muros de contención e a súa drenaxe, ademais de ter practicamente rematada a rede de recollida das augas de escorrentía da nova rampla.

Tamén se traballou na zona do paseo entre a Ponte Vella e a Ponte do Milenio, onde xa se realizaron as canalizacións de pluviais e da rede de alumeado, ademais da construción do muro e da placa que conecta o paseo coa escaleira de subida á ponte do Milenio.

Precisou que nos vindeiros días, avanzarase a un maior ritmo e comezará o acondicionamento da contorna da Capela dos Remedios, ademais de continuar coa construción do skate-park, para o que é preciso ter unhas adecuadas condicións climatolóxicas, e rematar a obra executando o novo pump-track.

Deste xeito, tal e como abundou a conselleira, se a obra vai segundo o previsto, estará rematada no verán para poñer á disposición dos cidadáns un novo espazo público, un lugar de encontro para os veciños e un punto de referencia obrigada para os turistas.

Ethel Vázquez incidiu na clara aposta da Xunta de Galicia por continuar poñendo en valor o patrimonio cultural de Ourense, dando continuidade ao proxecto xa executado no ano 2016, coa 1ª fase da posta en valor da Ponte Vella, na que a Xunta investiu máis de medio millón de euros. Deste xeito, o investimento total autonómico na recuperación e posta en valor da Ponte Vella de Ourense supera os 1,5 millóns de euros.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es