CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta trasládalle ao Ministerio de Transportes a súa proposta de bonificacións da AP-9 para abordala na comisión conxunta e garantir que desta vez gañen os galegos e non a concesionaria

Vázquez Mourelle detalla que a fórmula prioriza aos usuarios recorrentes, bonificando o 100% da volta para os vehículos lixeiros con telepeaxe que realicen a volta nun intervalo de 24 horas ou con 2 viaxes de ida e de volta na mesma semana

Os que realicen viaxe de ida e volta nun período de 24 horas, ademais, terán un 25% de bonificación na viaxe de ida, agás en domingos e festivos

Para as familias numerosas proponse unha bonificación do 60% en todas as viaxes

Formúlanse descontos do 60% para todas as categorías de vehículos pesados e nos vehículos eficientes

Plantéxanse bonificacións do 50% nas viaxes de ida e volta entre as 23 e as 6 h da mañá para reforzar a competitividade do sector do transporte e a seguridade viaria

Exemplifica que con estes descontos, un traballador que viaxa todos os días entre A Coruña e Santiago no seu coche con telepeaxe aforraría máis de 1.800 € ao ano

Insta ao Goberno central a deixar sen efecto as subas anuais acumulativas das peaxes, que o Consello Consultivo de Galicia declarou “nulas de pleno dereito”

Lembra que a Xunta segue traballando para acadar a transferencia da AP-9 a Galicia e úrxelle ao Ministerio a liberación da peaxe de Redondela, pendente desde 2018

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2021.- A Xunta trasladoulle ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a súa proposta de bonificacións da AP-9 para abordala na comisión conxunta e garantir que desta vez gañen os galegos e non a concesionaria.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, explicou hoxe nunha rolda de prensa esta proposta avaliada o xoves no Consello da Xunta.

Salientou que cómpre paliar o agravio que sofren os galegos coas peaxes da AP-9. Para isto, a Xunta remitiulle xa ao Ministerio esta proposta urxindo a convocatoria da comisión conxunta para abordar esta infraestrutura que vertebra o territorio onde reside máis do 60% dos galegos e comunica cinco das sete principais cidades da Comunidade.

Detallou que o obxectivo desta formulación da Administración autonómica é obter a maior “rendibilidade social” na aplicación das bonificacións da AP-9 por importe de 50 M€, previstas nos Orzamentos do Estado para 2021 e que ata o momento é un anuncio sen concretar polo Goberno central.

A Xunta ten un coñecemento profundo do territorio galego, da funcionalidade e do perfil dos usuarios da AP-9, polo que basea a proposta na atención prioritaria aos usuarios recorrentes, coa bonificación do 100% da viaxe de volta para os vehículos lixeiros que empreguen a telepeaxe e que realicen a volta nun intervalo de 24 horas desde a ida calquera día da semana, ou ben un mínimo de dúas viaxes de ida e volta na mesma semana.

Para favorecer a quen máis ten que empregar a autoestrada, o Goberno galego tamén propón un desconto adicional do 25% na viaxe de ida para os vehículos lixeiros que utilicen a telepeaxe e que volvan nun intervalo de 24 horas, agás en domingos e festivos.

Neste sentido, Ethel Vázquez detallou que estas bonificacións que priman aos usuarios habituais suman un importe de 24,92 M€, case a metade deses 50 M€ previstos polo Goberno central.

A proposta da Xunta tamén recolle bonificacións do 60% en todas as viaxes para o caso das familias numerosas.

Esta mesma porcentaxe de bonificación, do 60%, será a que se aplique para todas as categorías de vehículos pesados, así como para os vehículos eficientes enerxeticamente, con distintivo ambiental.

Ademais, atendendo a razóns de competitividade do sector do transporte e de seguridade viaria, o Goberno galego suxire o desconto do 50% nas viaxes de ida e volta en horario nocturno, entre as 23 horas e as 6 da mañá.

Ethel Vázquez fixo fincapé en que son bonificacións útiles para os galegos que permitirían, por exemplo, a un traballador que realiza todos os días unha viaxe de ida e volta entre A Coruña e Santiago no seu coche con telepeaxe, un aforro de máis de 1.800 euros ao ano.

Tamén puxo como exemplo a un transportista que realice unha viaxe de ida e volta todos os días da semana entre A Coruña e Portugal, acadando un aforro de 256 euros á semana.

Apuntou que a proposta da Xunta é completa, rigorosa e baseada en cálculos ben fundamentados, pero tamén é conservadora, polo que as bonificacións poderían ser aínda maiores, pois o Ministerio de Transportes dispón dos datos precisos de tráfico que rexistra a autoestrada en cada momento.

Subas “nulas de pleno dereito”

Ademais das bonificacións, a conselleira instou ao Goberno de España a deixar sen efecto as subas anuais acumulativas das peaxes, que o Consello Consultivo de Galicia ditaminou que son “nulas de pleno dereito”.

Lamentou que mentres noutras autoestradas estatais as peaxes desaparecen ou se rebaixan, a AP-9 subiu un 2,15% en 2018, un 3,51% en 2019 e un 2,69% en 2020 e case un 1% no pasado xaneiro, converténdose na autoestrada que máis subiu de toda España.

Ethel Vázquez recordou que de xeito paralelo, a Xunta segue traballando para conseguir a transferencia da AP-9 a Galicia, para xestionala de forma directa, eficaz e xusta para os galegos.

Non obstante, sinalou que esa transferencia debe vir acompañada da dotación económica e técnica necesaria para realizar todas as melloras previstas, tanto de seguridade como de ampliación da capacidade na autoestrada.

A conselleira tamén urxiu ao Ministerio de Transportes a cumprir xa o seu compromiso de liberar a peaxe de Redondela, pendente desde o ano 2018.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es