CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta recibe 7 ofertas para a redacción do proxecto construtivo da nova depuradora de augas residuais de Cee e Corcubión, que suporá un investimento de máis de 347.000 euros

Destas ofertas, 2 preséntanse a través de UTE, o que supón un total de 9 empresas

A actuación enmárcanse no convenio de colaboración co Concello de Cee para impulsar a mellora do sistema de saneamento nestes dous municipios da Costa da Morte, cun investimento de preto de 370.000 euros

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade asume a financiación e contratación do proxecto construtivo, así como a súa supervisión e aprobación

O Concello comprométese a pór á disposición os terreos, cun custo de 22.000 euros, para a realización dos estudos técnicos necesarios para elaborar o proxecto e, unha vez aprobado este, á súa adquisición e entrega para o inicio das obras

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2021.- A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de recibir un total de 7 ofertas para a redacción do proxecto construtivo da nova estación depuradora de augas residuais de Cee e Corcubión. Destas ofertas, dúas preséntanse a través de UTE, o que supón un total de 9 empresas.

A execución destes traballos, licitados por un investimento de máis de 347.000 euros, terá de prazo de execución do contrato é de 12 meses.

Dada a necesidade existente de mellorar o sistema de saneamento de Cee e Corcubión, Augas de Galicia realizou unha análise de alternativas co obxecto de determinar a mellor ubicación para a execución da citada depuradora. O estudo, enmarcado nas actuacións proxectadas pola Xunta de Galicia para a mellora do sistema de saneamento nestes dous concellos da Costa da Morte, permitiu determinar no municipio de Cee o lugar para executar a nova estación depuradora de augas residuais de Cee e Corcubión.

Este contrato enmárcase no convenio de colaboración entre a entidade dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Augas de Galicia, e o Concello de Cee para impulsar a mellora do sistema de saneamento municipal nestes municipios. O convenio, aprobado polo Consello da Xunta o pasado día 9 de decembro, supón un investimento global de preto de 370.000.

Segundo o citado convenio, a entidade hidráulica da Xunta entregará ao Concello o estudo de alternativas no que se determinan as parcelas onde se vai ubicar a estación depuradora, asumindo integramente a financiación e licitación do proxecto construtivo, que supón un investimento de máis de 347.000 euros, así como a súa supervisión e aprobación. A actuación conta coa cofinanciación da Unión Europea, a través do programa operativo do Fondo europeo de desenvolvemento rexional FEDER.

Pola súa banda, o Concello de Cee comprométese á pór á disposición de Augas de Galicia os terreos necesarios para que a adxudicataria poida realizar os traballos xeotécnicos e topográficos precisos para a elaboración do proxecto construtivo, así como á adquisición dos predios necesarios unha vez aprobado o proxecto construtivo da nova depuradora, cuxo custo ascende a preto de 22.000 euros.

A Xunta de Galicia mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es