CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta e a Fundación RIA asinan un convenio por importe de 212.000 euros para impulsar actuacións de humanización en 5 travesías da estrada AC-305 no Barbanza

Este novo acordo dá continuidade á colaboración actual para a integración urbana desta vía no entorno de Palmeira, en Ribeira, como proxecto piloto de referencia, demostrativo e replicable para este tipo de actuacións

Vázquez Mourelle avanza a licitación este trimestre da redacción do proxecto de construción e dirección das obras da travesía de Palmeira, que suporán un investimento de 1,8 M€

Ao abeiro do novo convenio promoveranse durante os próximos tres anos distintas actuacións co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e recuperar a identidade urbana desta estrada no Barbanza
 

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2021.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, selou esta mañá, xunto co presidente da Fundación RIA, David Chipperfield, un convenio por un investimento de 212.000 euros para impulsar actuacións de humanización en 5 travesías da estrada autonómica AC-305 na comarca da Barbanza.

Na reunión posterior á sinatura do acordo, na que tamén participaron o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e representantes da xunta directiva da Fundación RIA, Vázquez Mourelle explicou que con este novo convenio se dá continuidade á actual colaboración conxunta para a mellora da integración desta estrada AC-305 no entorno urbano de Palmeira, no concello de Ribeira, que está a servir como proxecto piloto de referencia, demostrativo e replicable para este tipo de actuacións urbanas.

A este respecto, Vázquez Mourelle avanzou que en base á proposta elaborada pola Fundación RIA, a Xunta ten previsto licitar xa, neste primeiro trimestre, o contrato para a redacción do proxecto de construción e dirección das obras da intervención na travesía de Palmeira.

Esa intervención, que suporá un investimento aproximado de 1,8 millóns de euros, vai dirixida a recuperar a identidade urbana da estrada e a humanizar a súa contorna ao seu paso por Palmeira.

Segundo explicou a conselleira, a actuación ten por obxectivo garantir a seguridade de peóns e condutores, favorecendo a mobilidade a pé e reforzando a identidade urbana, coa extensión beirarrúas e arborado.

Actuacións do novo convenio

Ao abeiro do novo convenio asinado hoxe desenvolveranse durante este ano 2021 e en 2022 e 2023 unha serie de actuacións nesta estrada da comarca do Barbanza, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria, tanto para condutores como para os peóns e de traballar na recuperación da identidade urbana.

En concreto, realizarase unha análise global do ámbito que atravesa esta vía autonómica, identificando aqueles puntos nos que sexa máis necesario levar a cabo actuacións. E, posteriormente, acometeranse análises específicas e elaboraranse directrices estratéxicas para intervir en 5 ámbitos urbanos ao longo da vía autonómica nos que se considere máis necesario promover unha convivencia máis harmónica entre vehículos e peóns.

Tal e como explicou a conselleira, este traballo traducirase na elaboración de propostas de intervención para cada un dos treitos analizados e no seu deseño contarase coa participación dos concellos.

O Goberno galego con estas actuacións persegue favorecer unha mobilidade máis segura e sustentable e tamén acadar unha mellor adaptación desa estrada, tendo en conta os contornos urbanos que percorre e a súa funcionalidade actual. Desde a posta en servizo da autovía do Barbanza a estrada rexistra unha mobilidade basicamente local.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es