CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta publica hoxe no DOG o decreto de expropiacións para executar a 1ª fase de acondicionamento da estrada que une Grilloi e Ponteceso, en Cabana de Bergantiños

A intervención conta cun investimento autonómico de 1 millón de euros, no que se inclúe o pagamento dos 17 predios necesarios para as obras

Actuarase no treito da estrada AC-423 comprendido entre os puntos quilométricos 0 e 5+350 para acadar unha mellora substancial da seguridade viaria

A Consellería de Infraestruturas procederá á convocatoria do levantamento de actas previas e á licitación das obras no 1º trimestre do 2021

Nesta fase mellorarase o firme nos tramos máis deteriorados e rectificaranse as curvas de radio reducido, executaranse 3 treitos de sendas peonís e renovarase o refuxio dunha parada de autobús

A actuación súmase a outras infraestruturas executadas recentemente no concello, como a senda da AC-429 entre Neaño e A Carballa, o que supón un investimento da Xunta de 1,5 M€ para reforzar a seguridade e favorecer a mobilidade dos veciños

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar a 1ª fase de acondicionamento da estrada AC-423, que comunica Grilloi e Ponteceso, en Cabana de Bergantiños.

O investimento autonómico destinado a este proxecto é de máis de 1 millóns de euros, no que se inclúe o pagamento das expropiacións dos 17 predios necesarios para a súa execución. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://xurl.es/fffl5

Trátase dunha actuación na estrada que conecta coa autovía da Costa da Morte, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 0 e 5+350, que ten como finalidade acadar unha mellora substancial da seguridade viaria e atender á demanda de conexión da poboación.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade procederá á convocatoria do levantamento de actas previas e á licitación das obras no primeiro trimestre deste ano. Os traballos teñen un prazo de execución de 6 meses.

Segundo recolle o proxecto, nesta 1ª fase mellorarase o firme naqueles treitos que están deteriorados e rectificaranse as curvas que teñan un radio reducido.

Ademais executaranse 3 treitos de sendas peonís en distintos puntos para conectar coas xa existentes. Concretamente, entre os puntos quilométricos 1+080 e 1+480, 7+464 e 8+212 e 9+703 e 9+946.

Na intervención tamén está prevista a colocación de varandas de protección onde haxa desniveis maiores de 0,55 metros, así como a renovación do refuxio dunha parada de autobús.

Esta actuación súmase a outras infraestruturas executadas recentemente no concello, como a senda na estrada AC-429, que vai de Ponteceso a Laxe, entre os núcleos de Neaño e A Carballa.

Este itinerario, sumado ao acondicionamento da estrada AC-423, supón un investimento autonómico de 1,5 millóns de euros para reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade dos veciños de Cabana.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es