CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez avánzalle ao alcalde de Oza-Cesuras a licitación neste 1º trimestre das obras de mellora da seguridade viaria entre Porzomillos e Oza por máis de 482.000 €

O DOG publica os decretos de declaración da utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar as obras de mellora da intersección e de construción dunha senda na estrada AC-840

O obxectivo da Xunta é iniciar este mesmo ano ambas as dúas intervencións, que se realizarán de xeito coordinado e simultáneo

Atendendo á solicitude do Concello construirase un itinerario peonil e ciclista na marxe dereita da AC-840, cara a Oza, de preto de 1,4 quilómetros de lonxitude

Intervirase na intersección que conecta esta estrada autonómica cos núcleos de Carraceda, A Picha, O Corvo e A Fonte da Viña

Actuarase no punto intermedio do itinerario da senda, para o que se executarán novos carrís de aceleración e deceleración, así como dous carrís centrais de espera que permiten os xiros á esquerda

A Coruña, 12 de xaneiro de 2021.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha reunión co alcalde de Oza-Cesuras, José Pablo González Cacheiro, na que lle avanzou a licitación no primeiro trimestre deste ano das obras de reordenación dunha intersección e da senda entre os núcleos de Porzomillos e Oza na estrada AC-840 ao seu paso polo municipio, que suporá un investimento autonómico de máis de 482.000 euros.

No encontro de traballo mantido esta mañá na delegación territorial da Xunta na Coruña, Vázquez Mourelle e o rexedor abordaron estas actuacións coincidindo coa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia dos decretos polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar estas dúas actuacións.

O obxectivo da Xunta é iniciar este mesmo ano ambas as dúas intervencións, de xeito coordinado e simultáneo, que facilitarán os movementos seguros dos usuarios máis vulnerables da estrada ao tempo que mellorarán a seguridade viaria na contorna.

Itinerario peonil e ciclista

Atendendo á solicitude do Concello construirase unha senda peonil e ciclista na marxe dereita da AC-840, cara a Oza, entre os puntos quilométricos 5+444 e 6+826,50, coincidindo o seu inicio co núcleo rural de Porzomillos e finalizando antes do núcleo urbano de Oza dos Ríos.

Con esta actuación, que conta cun investimento de preto de 292.000 euros, melloraranse as actuais prestacións da estrada, permitindo un movemento seguro dos usuarios máis vulnerables.

O novo itinerario, de preto de 1,4 quilómetros, construirase aproveitando parte da beiravía existente, coincidindo na súa maior parte coa planta e rasante da estrada, pero separada desta por unha gabia de seguridade. Na zona onde non leve gabia, a senda elevarase 10 centímetros con respecto á plataforma rodada e separarase da mesma por un bordo de formigón.

Nas interseccións da senda con outras vías rematarase, tanto ao inicio como ao final, con 1 metro de baldosa podotáctil.

A construción desta senda leva aparellada a disposición dos dispositivos necesarios para a recollida e evacuación das augas superficiais, o retranqueo dos postes de telecomunicacións e a recolocación das sinais existentes.

Reordenación da intersección da AC-840

A outra intervención prevista de mellora da seguridade nesta vía céntrase na reforma da intersección da AC-840, no punto quilométrico 6+000, que suporá un investimento de máis de 191.000.

Trátase da reordenación da intersección, que conecta esta estrada autonómica coa vía que comunica cos núcleos de Carraceda, A Picha, O Corvo e A Fonte da Viña, e o seu obxectivo é mellorar a seguridade viaria neste punto.

Esta intersección sitúase nun punto intermedio do itinerario da senda, e prevese actuar coa disposición de novos carrís de aceleración e deceleración, de 3,50 metros de ancho, así como dous carrís centrais de espera de 3 metros de ancho, que permiten todos os xiros á esquerda. Para a execución destes carrís é necesaria a ampliación da calzada.

Nos seguintes enlaces ao DOG pode consultarse a información: https://xurl.es/j29oz e https://xurl.es/mwnvh

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es