CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez salienta que os orzamentos da Xunta para 2021 recollen un investimento de case 5,5 millóns de euros na VAP da Costa Norte e nas actuacións viarias complementarias

Destaca o compromiso coa mellora das comunicacións de Ferrolterra e Ortegal a través do impulso da vía de altas prestacións, cunha achega total de 65 M€ para os vindeiros anos e o inicio inmediato das obras da 1ª fase da mellora da AC-862

As contas de 2021 recollen o compromiso da Xunta de cofinanciamento do saneamento do rural de Ferrol, prevendo un investimento ata 2023 de 3,1 M€

Manteñen o apoio ao Concello nas súas competencias municipais, para acometer as obras pendentes de saneamento da marxe esquerda do río Sardiña, sobre un proxecto técnico xa redactado por Augas de Galicia

Os Orzamentos de 2021 tamén reforzan a atención á sanidade pública na cidade e na comarca, co impulso das obras en execución do Complexo Hospitalario de Ferrol e para o remate e posta en servizo do novo centro de saúde de Narón

Ferrol, 21 de novembro de 2020.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe que os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2021 recollerán un investimento de case 5,5 millóns de euros na Vía de Altas Prestacións da Costa Norte. Así o trasladou esta mañá en Ferrol, coincidindo coa supervisión das obras de saneamento da enseada da Malata, que executa o departamento que dirixe e que están completadas xa nun 95%.

Vázquez Mourelle, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, destacou o cumprimento da palabra dada, de avanzar e impulsar unha importante mellora das comunicacións viarias de Ferrolterra e Ortegal mediante un conxunto de actuacións a curto e medio prazo.

Remarcou a vontade reflectida no proxecto de Orzamentos da Xunta para 2021, aprobado onte polo Consello da Xunta, para avanzar na VAP da Costa Norte ao recoller compromisos futuros para estra infraestrutura por importe de máis de 65 M€ para os vindeiros anos.

Segundo precisou, trátase dun compromiso en marcha, como demostra o inicio de forma inmediata das obras da primeira fase da mellora da estrada AC-862, entre San Sadurniño e Ortigueira. Esta obra permitirá acondicionar un treito de 20 km de estrada entre San Sadurniño, Moeche e Cerdido, mellorando o trazado, incrementando a seguridade viaria e dotándoo en gran parte de terceiro carril de adiantamento.

A conselleira subliñou que os Orzamentos da Xunta de 2021 recollen importantes investimentos na cidade e na comarca e continuarán coa liña de apoio ao Concello de Ferrol no exercicio das súas competencias municipais de saneamento e depuración.

Resaltou que as contas prevén investimentos nas obras pendentes de acometer no saneamento da marxe esquerda do río Sardiña, sobre un proxecto técnico xa redactado por Augas de Galicia.

En canto ao saneamento do rural, Ethel Vázquez lembrou que é un asunto que “está encauzado” e que os Orzamentos de 2021 prevén un investimento total ata o ano 2023 de 3,1 M€ para cumprir “coa nosa parte de cofinanciamento”.

A titular de Infraestruturas referiuse, ademais, aos investimentos para reforzar a sanidade pública na cidade e na comarca, mediante un gran impulso ás obras que se están a acometer de ampliación e reforma do Complexo Hospitalario, no Arquitecto Marcide e no Hospital Naval; e con investimentos para rematar e pór en servizo o novo centro de saúde de Narón.

Ethel Vázquez supervisou esta mañá os avances nas obras de saneamento da enseada da Malata, no último treito que quedaba pendente para completar a rede de interceptores da marxe norte da ría, que trata as augas residuais de Ferrol e Narón.

Tal e como constataron os técnicos da obra, os traballos están a piques de finalizar, acadan un grao de execución do 95% e a previsión é concluír plenamente as obras neste ano 2020, para poñelas en servizo en canto as acometidas eléctricas o fagan posible.

Construíuse un tanque de tormentas no contorno do CIS Galicia para xestionar o caudal antes de ser bombealo á depuradora de Prioriño e executouse un tanque de tormentas na zona da Malata, de maior capacidade. A actuación complétase cunha rede de colectores xerais en distintos puntos e cun sistema de regulación que controlará o caudal procedente da zona este da enseada da Malata transportado polo colector xeral.

Este conxunto de infraestruturas hidráulicas de regulación e xestión do caudal permitirán levar todas as augas residuais urbanas das aglomeracións de Ferrol e Narón ata a Estación de tratamento de augas residuais de Cabo Prioriño para a súa correcta depuración.

Segundo salientou Ethel Vázquez, co remate desta actuación, na que a Xunta está a investir 7,3 millóns de euros, quedarán completadas as grandes infraestruturas proxectadas para o saneamento da ría de Ferrol.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es