CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta activará esta semana a comisión para seguir a evolución da emerxencia do río Eume e do abastecemento de Pontedeume

Estarán representados, entre outros, a dirección de Augas de Galicia e técnicos dos departamentos de Obras e de Calidade das Augas, a empresa que xestiona o encoro, os Concellos de Pontedeume e de Cabanas e a concesionaria municipal

No marco da emerxencia declarada o pasado martes día 13, a Xunta investirá 1,5 millóns de euros, destinando a maior parte á modernización da planta de tratamento de auga potable municipal

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2020.- A Xunta activará esta semana a comisión de seguimento para avaliar a evolución da situación do río Eume e do abastecemento de Pontedeume, no marco da emerxencia que declarou o pasado martes día 13.

Nesa comisión de seguimento estarán representados persoal de Augas de Galicia, a empresa responsable da xestión do encoro, os Concellos de Pontedeume e de Cabanas e a empresa concesionaria do sistema de abastecemento municipal, coa posibilidade de incorporar novos departamentos, en función do seguimento e da evolución da situación.

Máis concretamente, por parte do organismo hidráulico da Xunta formarán parte desa comisión a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, que asumirá a presidencia da comisión; o xerente de Augas de Galicia, como secretario da comisión; ademais da persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico e representantes do departamento de Obras e da área de Calidade das Augas.

No marco da emerxencia declarada no río Eume e no abastecemento de auga do concello de Pontedeume, a Xunta investirá 1,5 millóns de euros, destinando a maior parte desa achega á modernización da estación de tratamento de auga potable municipal.

Logo de analizar diversas alternativas, concluíuse que actuar sobre a potabilizadora municipal é a medida máis eficaz e rápida para restablecer os parámetros da auga, con sistemas que favorezan a coagulación e a decantación das partículas en suspensión.

A planta de tratamento de auga potable municipal ten capacidades limitadas, ao carecer de cámaras de mestura de reactivos e auga bruta e tamén de tratamentos físico-químicos, ademais de que dispón dun decantador excesivamente pequeno e con pouca capacidade de filtrado. Isto levou á Xunta a adoptar a decisión de actuar, de forma inmediata, sobre a potabilizadora municipal, colaborando co Concello de Pontedeume no desenvolvemento das súas competencias municipais.

Nos últimos días xa se están a aplicar tratamentos físico-químicos na estación de tratamento municipal para tratar de reducir a turbidez e lograr que a auga sexa apta para o consumo, logo de que nun primeiro momento se actuase no río, estendendo as barreiras de contención xeotextís que Augas de Galicia estaba a empregar nas obras do colector que se está a executar en Pontedeume.

Desde este venres técnicos dunha empresa especialista en emerxencias ambientais están a levar a cabo unha campaña de mostraxes ampliando o alcance do seguimento que se viña facendo.

No marco do expediente sancionador incoado déronselle indicacións á empresa que explota a presa do Eume para que manteña o nivel das augas do encoro nos parámetros normais de explotación e adopte medidas para reducir a turbidez no río.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es