CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Feijóo refírese ao novo acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas como unha infraestrutura estratéxica para o gran pulmón empresarial de Ourense

Resalta que Galicia ten en San Cibrao das Viñas un forte polo industrial no que operan preto de 350 empresas que dan traballo a preto de 8.000 traballadores

Avanza para o mes de outubro o acordo para trasvasar parte do terreos da Tecnópole cara o polígono e levar así a cabo a súa ampliación

Consciente do poder tractor que teñen para a economía e o emprego os investimentos en infraestruturas, salienta que a licitación de obra pública por parte da Xunta medrou máis que en ningunha outra comunidade

Incide na necesidade de que o Goberno central retome os seus compromisos coa provincia, en alusión á chegada do AVE, á licitación do primeiro treito da Variante de Ourense; e ás obras do primeiro treito da autovía A-76

San Cibrao das Viñas, 11 de setembro de 2020.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo referiuse hoxe á nova conexión do polígono industrial de San Cibrao das Viñas como unha infraestrutura estratéxica para o gran pulmón empresarial de Ourense, ao enlazar nun único punto con dúas autovías: a A-52, a Autovía das Rías Baixas, que une Vigo con Ourense e Madrid, e a Autovía de Celanova, a AG-31.

“Conscientes da situación económica na que vivimos, estamos a falar dunha obra estratéxica e para a creación de valor”, dixo, asegurando que o Goberno galego seguirá apoiando ao tecido produtivo de Galicia, ao tempo que recordou que a Comunidade ten en San Cibrao das Viñas un forte polo industrial no que operan preto de 350 empresas que dan traballo a preto de 8.000 traballadores.

Cun investimento de practicamente 22 millóns de euros, Feijóo precisou que esta actuación, cofinanciada con Fondos Feder 2014/2020, conectará desde esta tarde o polígono de forma rápida, cómoda e directa, ao reducirse nun 60% o percorrido necesario para conectalo coa autovía, incluíndo, ademais, en máis da metade do trazado, un terceiro carril para facilitar os adiantamentos.

Cun gran viaduto de case 500 metros de lonxitude, con 4 pasos inferiores e cun paso superior, o titular da Xunta aseverou, ademais, que esta nova infraestrutura de máis de 4,5 quilómetros foi deseñada co obxectivo de compatibilizar o respecto ambiental da contorna coa necesidade de garantir un servizo axeitado aos usuarios que serán, nunha alta porcentaxe, condutores de vehículos pesados.

Diante do poder tractor que teñen para a economía e o emprego os investimentos en infraestruturas, o presidente da Xunta recordou que Galicia foi a primeira comunidade que reactivou a execución e a contratación tras a declaración do estado de alarma. Non en van, segundo os datos de Seopan, a licitación de obra pública por parte da Xunta medrou máis que en ningunha outra comunidade, rexistrándose entre xaneiro e xullo un 73% máis que o ano pasado.

Sobre este punto, resaltou que a modernización do transporte público en Ourense xa é unha realidade e as obras autonómicas da estación intermodal avanzan a bo ritmo, ademais de avanzar para o mes de outubro o acordo para trasvasar parte do terreos da Tecnópole cara o polígono e levar así a cabo a súa ampliación.

O presidente da Xunta concluíu expresando a necesidade de que o Goberno central retome os seus compromisos coa provincia en alusión á chegada do AVE; á licitación das obras do primeiro treito da Variante de Ourense, entre Eirasvedras e Quintela, dentro da A-56 de conexión de Ourense e Lugo; e ás obras do primeiro treito da autovía que debe unir Valdeorras coa Meseta e o resto de Galicia, a A-76.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es