CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta executa traballos de limpeza nos treitos interurbanos do río Ulla e afluentes ao seu paso polos concellos da Estrada, Teo, Vedra, Vila de Cruces, Boqueixón e Touro

No marco desta intervención tamén se está a traballar nos seus afluentes: Santa Lucía, Rego da Riveira, Pazos, Vieites, Beuvas, Añobre e Frontilleiro, entre outros

As tarefas desenvólvense en distintos tramos ao longo de máis de 6 km e inclúen a retirada de árbores e pólas caídas na canle, e roza selectiva en tramos con maleza
 

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Ulla e varios dos seus afluentes, no seu percorrido polos concellos da Estrada, Teo, Vedra, Vila de Cruces, Boqueixón e Touro.

Concretamente estas tarefas estanse a desenvolver nos afluentes: Santa Lucía, Rego da Riveira, Pazos, Vieites, Beuvas, Añobre, Frontilleiro e dous innominados.
Os traballos execútanse en distintos tramos dos ríos, ao longo de máis de 6 quilómetros de lonxitude, coincidindo co seu percorrido por distintos lugares destes municipios.
As tarefas forman parte das intervencións de mantemento que leva a cabo Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI).


As actuacións céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta e atoamentos. Inclúense tamén a roza selectiva e limitada ao ancho da canle, en tramos cubertos por maleza. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-centro.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es