CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta e o Concello de Curtis acordan a solución ao abastecemento de Teixeiro e a ampliación da potabilizadora para cubrir as necesidades do municipio e do polígono industrial

A mellora proxectada suporá un investimento superior aos 2,7 millóns de euros e servirá a unha poboación de preto de 5.200 habitantes no ano horizonte 2042

Para garantir auga potable á poboación, aos axentes industriais e ao centro penitenciario de Teixeiro executarase unha nova captación e bombeo desde o encoro da Castellana

Disporanse 3.600 metros de nova tubaxe de impulsión, entre o edificio de bombeo e a potabilizadora existente no polígono industrial

Ademais, ampliarase a ETAP, incrementando a súa capacidade ata os 80 l/s

O obxectivo é licitar as obras a finais de ano e comezar a execución dos traballos en 2021

Curtis (A Coruña), 30 de xuño de 2020.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, coñeceu hoxe o proxecto para a mellora do abastecemento e a ampliación da potabilizadora de Curtis, no que colaboran a Xunta de Galicia e o Concello, que permitirá que a totalidade do municipio dispoña de auga en cantidade e calidade necesarias e cubrir tamén as necesidades de subministro do centro penitenciario de Teixeiro e das empresas asentadas no polígono industrial.

Durante o encontro convocado polo alcalde de Curtis, Javier Caínzos, con representantes dos empresarios do polígono, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade coñeceu de primeira man o proxecto de ampliación e mellora do abastecemento de auga ao núcleo de Teixeiro, contratado e financiado polo Concello e no que a Xunta colabora achegando financiamento.

Para garantir o abastecemento de auga potable á poboación e aos axentes industriais de Curtis levarase a cabo a execución dunha nova captación e bombeo desde o encoro da Castellana, que permitirá captar 80/litros por segundo.

O proxecto completarase cunha nova tubaxe de impulsión, de 3.600 metros de lonxitude, entre o edificio de bombeo e a estación de tratamento de auga potable existente no polígono industrial de Curtis.

Ademais, procederase á ampliación da potabilizadora, o que permitirá incrementar a súa capacidade ata os 80 l/s e mellorar substancialmente, tanto o filtrado da auga como o seu tratamento.

A actuación suporá un investimento superior aos 2,7 millóns de euros, que serán achegados, na súa meirande parte polo Goberno galego, 2,2 millóns de euros. O Concello de Curtis achegará o financiamento restante, 500.000 euros.

Coa mellora proxectada servirase unha poboación de preto de 5.200 habitantes no ano horizonte 2042, ademais da demanda do polígono industrial e do centro penitenciario da localidade.

O obxectivo é avanzar agora nos trámites administrativos necesarios co obxectivo de licitar as obras a finais de ano e comezar a execución dos traballos en 2021.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade cualificou a actuación de “estratéxica”, por canto permitirá que a totalidade do municipio dispoña de abastecemento de auga, un servizo que, ademais, se verá mellorado no núcleo urbano; permitirá cubrir os picos de demanda en todo momento, xa sexa polo aumento de poboación ou por momentos puntuais de escaseza no estío; e dará cobertura ás necesidades de subministro do centro penitenciario e ás empresas do polígono industrial, evitando que este aspecto poida supoñer unha traba para o seu desenvolvemento presente e futuro.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es