CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta adxudica a construción dunha senda peonil que facilitará o acceso á nova estación do AVE na Gudiña

Estas actuacións comezarán nas vindeiras semanas e teñen un prazo de execución de tres meses

A senda desenvolverase pola marxe esquerda da estrada OU-533, desde o paso baixo o ferrocarril ata as proximidades da futura terminal Porta de Galicia

A Xunta agarda que Adif resolva a continuidade da senda nos terreos interiores da estación e no paso inferior para evitar o estreitamento e a redución de gálibo

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de construción dunha senda peonil na estrada OU-533 para facilitar o acceso á nova estación do AVE, no concello da Gudiña.
Estas actuacións, adxudicadas á empresa Consernor S.L., comezarán nas vindeiras semanas e teñen un prazo de execución de tres meses.
Os traballos consistirán na construción dunha senda de formigón pola marxe esquerda da estrada OU-533, desde o punto quilométrico 0+070, no paso baixo o ferrocarril, ata as proximidades da localización da futura estación Porta de Galicia.
O itinerario terá unha anchura de 2,50 metros desde o inicio e ata o punto onde abandona a marxe da estrada e pasa a discorrer máis afastada, aproveitando a antiga calzada, onde, ao dispoñerse de máis espazo, se ampliará ata os 3 metros.
Este proxecto mellora a accesibilidade á nova estación, se ben cómpre que se resolva a súa continuidade por parte de ADIF nos terreos internos da terminal e no paso inferior, que provoca un estreitamento e unha redución de gálibo que debe ser solucionada. A Xunta xa lle trasladou esta cuestión a ADIF, sen ter obtido ata agora resposta positiva.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es