CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez sinala a pasarela da Grela-Marineda como un exemplo da contribución da enxeñería á construción do territorio e á mellora da paisaxe

Salienta a necesidade de contar cunha “licencia social” para executar as infraestruturas, o que supón que se deseñen escoitando aos seus destinatarios e conseguindo que sexan entendidas por estes

A Coruña, 13 de febreiro de 2020.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, sinalou hoxe a pasarela da Grela-Marineda como un exemplo da contribución da enxeñería á construción do territorio e á mellora da paisaxe. Así o dixo na presentación esta tarde do libro El paisaje en la ingeniería do profesor da Universidade da Coruña Carlos Nardiz, que tivo lugar na librería Formatos e na que tamén participaron a directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre, e o decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, Enrique Urcola.

A conselleira de Infraestruturas salientou o coidado deseño da pasarela da Grela, o seu pasamáns branco e a súa iluminación como solucións “meditadas” desde a vontade de facer algo máis que unha estrutura funcional, proxectando unha auténtica “escultura” que achegase valor engadido á paisaxe na que se asenta.

Ethel Vázquez insistiu na determinación da Axencia Galega de Infraestruturas de contribuír ao coidado e mellora do territorio, dispondo xa mesmo dun catálogo de glorietas elaborado con criterios de integración paisaxística.

Na súa intervención, a conselleira defendeu o papel das infraestruturas como factores de progreso e de benestar social, que, necesariamente interveñen no territorio e alteran as paisaxes, pero avogou por procurar fórmulas que minimicen o impacto ou que mesmo contribúan a reforzar o atractivo dos espazos nos que están construídas, usando a ordenación territorial como a única ferramenta para conseguilo.

A conselleira insistiu na necesidade de ser conscientes de que o que se constrúe pasa a formar parte do territorio o que obriga a contar cunha “licencia social” á hora de executar as infraestruturas, o que supón que se deseñen escoitando aos seus destinatarios e traballando para conseguir que sexan entendidas por estes.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es