CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Cores Tourís comproba o remate das obras de mellora de tres camiños nas parroquias de Oiros e Bodaño en Vila de Cruces

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que se inclúe dentro do Plan de Infraestruturas Rurais 2019-20

As obras contaron cun orzamento de 66.377 euros
 

Pontevedra, 17 de decembro de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou esta mañá, en compaña do alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada, así como de varios concelleiros do Goberno local, as obras executadas por este municipio a través do Plan de Infraestruturas Rurais 2019 nas parroquias de Oiros e Bodaño.

O delegado territorial destacou os case 66.377 euros destinados para a pavimentación da estrada que enlaza a igrexas de ambas parroquias, executado a través do Plan Marco de Camiños Municipais 2019-20, así como do vial do entorno do balnerio de Merza e doutro camiño en Bascuas. En total, o orzamento destas obras foi de 66.368 euros. De feito, este concello recibiu da Xunta de Galicia para a posta en marcha de obras de Plan Marco case 290.000 euros nos últimos cinco anos.

No caso da mellora destas vías, as obras consistiron nunha nova pavimentación con dobre e triple rega asfáltica, escavación e limpeza de cunetas, roza de vexetación herbárea e aplicación dunha base de zahorra artificial.

Cores Tourís destacou o interese deste concello por continuar a desenvolver obras de mellora destas vías rurais, recordando que no 2018-19 recibiron unha subvención similar co obxecto de executar a mellora de accesos a explotacións gandeiras situadas nas parroquias de Lázaro e Sabrexo.En total, o orzamento destas obras foi de 66.368 euros.

O delegado territorial recordou que, a través destes plans de mellora de camiños municipais, a Consellería de Medio Rural pretende facilitar a ampliación, a mellora ou o mantemento dos camiños municipais, incluíndo actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes. “Estes camiños permiten”, segundo engadiu Cores Tourís, “o acceso ás entidades de poboación nas que se asentan vivendas de poboación rural, e supoñen os canais de entrada e saída das producións rurais, dende leite ata artesanía, que necesitan os negocios da contorna”.

Deste xeito, o obxectivo que se marca a Xunta de Galicia é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais mediante o acondicionamento das principais vías de comunicación e outras infraestruturas.

“As infraestruturas rurais xeran cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e traballo no medio rural; en particular, os camiños rurais facilitan a accesibilidade e vertebración do territorio, e por outra banda, contribúen ao aumento da competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias, o que redunda nunha maior axilidade das operacións agrarias e nunha redución de custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado”, matizou Cores Tourís.

Para o período 2019-20 a Xunta e Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, mantivo o orzamento de anos anteriores, destinando 3,2 millóns de euros aos concellos da provincia de Pontevedra.

Por outra banda, Cores Tourís aproveitou a visita para destacar a colaboración da Consellería do Medio Rural –a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader)– con diferentes concellos do ámbito territorial da Delegación de Pontevedra grazas ao Plan de Infraestruturas Rurais. Recordou tamén que a repartición establecida para cada concello fíxose con base a criterios consensuados previamente coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).


 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es