CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez salienta no Cumio do Clima que Galicia é a primeira comunidade en blindar por lei a prevención fronte a seca, cunha norma que entrará en vigor en xaneiro

Salienta a necesidade constatada de adaptar a xestión pública da auga ao novo réxime de precipitacións, tendo en conta a baixa capacidade dos embalses galegos e a vulnerabilidade das zonas máis poboadas de Galicia ante eventos de falta de chuvia

Avanza que os concellos contarán coa axuda da Xunta para acadar a meta de situar por debaixo do 20% as fugas de auga nas redes nun prazo de 3 anos

A Administración autonómica concedeu xa as primeiras 20 subvencións aos municipios para elaborar plans de emerxencia fronte á seca e proximamente publicará unha nova convocatoria

A Lei facilita a execución de infraestruturas de urxencia, acurtando ao máximo os trámites, cando a situación do abastecemento aconselle declarar a “emerxencia por seca”

A conselleira destaca a aposta pola innovación na xestión da auga para avanzar en asuntos como a eficiencia enerxética das depuradoras ou a toma de mostras con drons

Madrid, 3 de decembro de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou no Cumio mundial do Clima, que Galicia é desde hoxe unha Comunidade Autónoma pioneira ao blindar por Lei a prevención fronte á seca, a través dunha norma que entrará en vigor en xaneiro de 2020.

A conselleira participou hoxe nun encontro sobre ‘A auga en Galicia ante o cambio climático’, organizado polo grupo Suez no marco da COP25 e coincidindo coa votación e aprobación no Parlamento autonómico da Lei de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario.

Con esta Lei a Xunta quere asegurar unha resposta planificada e coordinada das administracións públicas fronte aos episodios que poden comprometer o abastecemento de auga á poboación.

Segundo explicou Ethel Vázquez, a pesar da crenza común, Galicia precisa adaptar a súa xestión da auga ao novo contexto climático, que se evidencia nun cambio no réxime de precipitacións, con máis períodos de seca prolongados e episodios de chuvias intensas.

A conselleira sinalou que a nosa Comunidade é moi sensible a esta nova situación, pois a capacidade dos seus embalses é baixa e as secas afectan, sobre todo, ás zonas máis poboadas de Galicia, pois os ríos máis caudalosos se atopan na metade interior. Como exemplo puxo a situación de escaseza de chuvia vivida no ano 2017, cando na comarca de Vigo se viu en risco o abastecemento.

Ademais, Vázquez destacou que, ao mesmo tempo, o desenvolvemento urbanístico en épocas pasadas a través de terreos “gañados” ao mar ou aos ríos, sitúa unha parte importante da poboación en risco de sufrir asolagamentos.

Por estes motivos, apuntou a necesidade de impulsar un cambio de cultura sobre o uso da auga, tanto na sociedade xeral como nas administracións públicas, sobre todo nos concellos, responsables das competencias sobre o ciclo urbano da auga. A ese respecto mencionou a gravidade do feito de que en Galicia haxa redes municipais que perdan ata o 40% da auga despois de potabilizala, ou que haxa potabilizadoras incapaces de tratar con garantías de calidade a auga cando o nivel dos encoros se sitúa por debaixo do 40% de ocupación.

Ante esta situación, e co obxectivo engadido de velar pola calidade das augas galegas, Vázquez Mourelle explicou que a Administración autonómica actúa en varias frontes para adaptar a xestión dos recursos hídricos. Referiuse así, en primeiro lugar, ao labor de planificación, a través, fundamentalmente dos plans hidrolóxicos que guían o proceder de cada administración hidráulica.

En segundo lugar, a conselleira subliñou o impulso por parte do Goberno galego de novos proxectos normativos destinados a adaptar a xestión pública da auga ao cambio climático, nomeadamente a través da Lei de garantía de abastecemento.

Situar as perdas de auga por debaixo do 20%


Como primeiro obxectivo desta norma, indicou o de acadar unha xestión axeitada dos servizos do ciclo urbano da auga, procurando, entre outras cousas, situar as fugas das redes municipais de abastecemento por debaixo do 20% nun período de 3 anos, para o que os concellos contarán con axuda da Xunta de Galicia.

O segundo obxectivo da Lei é reducir a vulnerabilidade fronte os episodios de seca, para o que se establecen medidas de planificación, de xestión eficiente dos recursos hídricos e de execución de novas infraestruturas.

Neste punto, a conselleira remarcou a importancia de anticiparse para evitar ter que tomar decisións de forma improvisada ante a seca, polo que enfatizou a aposta da lei pola elaboración de plans de seca, tanto a nivel autonómico, como municipal.

Tendo en conta que na actualidade non hai nin un concello galego que conte cunha ferramenta deste tipo, a norma establece que os plans de emerxencia locais deberán estar aprobados e dotados dun contido mínimo nun período de 2 anos.

Para iso, os municipios tamén contarán co apoio técnico e financeiro da Xunta, que xa concedeu as primeiras 20 axudas para elaborar plans de emerxencia fronte a seca e proximamente publicará unha nova convocatoria.

Ethel Vázquez destacou, ademais, que a Lei facilita a execución de infraestruturas de urxencia, acurtando ao máximo os trámites, cando a situación do abastecemento aconselle declarar a “emerxencia por seca”.

No encontro, a conselleira presentou tamén o segundo proxecto normativo impulsado pola Xunta en materia de auga, neste caso destinado a conseguir unha maior calidade nos servizos de abastecemento, saneamento e depuración de augas residuais.

Tendo en conta as dificultades contrastadas de gran parte dos concellos galegos para exercer correctamente estas competencias municipais, e que o 58% das depuradoras xestionadas por concellos teñen un funcionamento deficiente, a Xunta aposta por crear un sistema de apoio que siga o modelo de Sogama para os residuos.

Trátase da creación dunha sociedade 100% pública na que os concellos que o desexen poidan delegar as súas competencias, conseguindo unha xestión profesionalizada e de calidade dos servizos, aproveitando as vantaxes da explotación agrupada.

Segundo dixo Ethel Vázquez, traballar por un mellor saneamento é traballar por un maior coidado ambiental, pola saúde pública e polo futuro das actividades económicas vencelladas ao mar e ás augas en xeral.

A conselleira lembrou que a Xunta investiu na última década 1.100 millóns de euros en obras de abastecemento e saneamento de apoio aos concellos, o que permitiu mellorar en 10 puntos a porcentaxe de masas de auga con boa calidade e duplicar a capacidade de depuración de auga.

Finalmente, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade salientou a aposta do seu departamento pola innovación na xestión da auga, que permite avanzar en cuestións concretas como a recollida de mostras mediante drons ou a mellora da eficiencia enerxética das depuradoras.
Avanzou que a Xunta está inmersa nun proceso de compra pública innovadora de 7 millóns de euros que no eido da innovación con tres obxectivos: mellorar a xestión do recurso hídrico e o medio ambiente, a resiliencia fronte ao cambio climático e a economía circular.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es