CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta publica no DOG a aprobación do proxecto de construción dunha senda na estrada AC-524, na contorna do albergue de peregrinos de Ordes, cun investimento de 650.000 euros

O boletín autonómico publica tamén a autorización do expediente de información pública do proxecto do itinerario peonil entre o punto quilométrico 0+500 e 2+000

Trátase dunha senda de case 1,3 quilómetros pola marxe dereita desta vía a partir do itinerario xa existente, que discorrerá polo núcleo da vila ata o lugar da Costa

A zona de tránsito peonil realizarase en formigón coloreado e un ancho aproximado de 3 metros, separada da calzada cunha banda axardinada, prevéndose tamén a execución dunha pasarela de 15 metros sobre o río Cabrón

O itinerario conectará coa posada dos peregrinos e unirá os focos de atracción da vila, como os centros educativos IES nº1 de Ordes e o colexio Alfonso Rodríguez Castelao, os pavillóns polideportivos ou os locais comerciais e industriais

Esta actuación da Consellería de Infraestruturas fomenta a mobilidade alternativa e suporá unha diminución do tráfico rodado motorizado diario que actualmente existe entre estes núcleos, así como a mellora da seguridade viaria neste treito

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2019.- A consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e o proxecto de construción dun itinerario peonil na estrada AC-524, na contorna do futuro albergue de peregrinos do municipio de Ordes, cun investimento autonómico de preto de 650.000 euros.
Trátase da execución dunha senda pola marxe dereita desta estrada da Xunta, que partindo do itinerario peonil xa existente remata no punto quilométrico 0+500, e discorre polo núcleo de Ordes ata o p.q. 2+000, no lugar denominado A Costa.
Esta actuación do departamento de Infraestruturas ten como finalidade mellorar a seguridade viaria na zona, separando o tráfico peonil do tráfico rodado, e fomentar a mobilidade peonil en detrimento do uso dos vehículos.
No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: http://bit.ly/2CrSzeO
Cunha lonxitude total de case 1,3 Km, a zona de tránsito peonil constará dunha sección tipo de formigón coloreado de 2 metros separada da calzada cunha banda axardinada de 0,90 metros, salvo nalgún tramo no que non sexa posible por falta de espazo. Tamén se prevé a execución dunha pasarela de 15 m sobre o río Cabrón.
Este novo treito conectará coa posada de peregrinos e permitirá unir, ademais, outros focos de atracción tales como os centros educativos IES nº1 de Ordes e co colexio Alfonso Rodríguez Castelao, cos pavillóns polideportivos, locais comerciais e industriais, farmacias, etc.
Deste xeito, o departamento de Infraestruturas da Xunta quere dar continuidade e conectividade entre a senda existente e o itinerario cuxo proxectado vén de ser aprobado, o que derivará nun fomento da mobilidade alternativa e suporá alcanzar unha diminución do tráfico rodado motorizado diario que actualmente existe entre estes núcleos, así como a mellora da seguridade viaria do treito.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es