CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta iniciará a vindeira semana a tramitación ambiental para a ampliación da depuradora dos Praceres, cun investimento duns 50 millóns de euros

Prevese a integración no entorno e a ocupación de terreos de Ence, afastándose das vivendas, así como a construción dun novo campo de fútbol

A ampliación é necesaria para a incorporación dos procesos de eliminación de nitróxeno e fósforo e dar cumprimento ás exixencias europeas

Ethel Vázquez salienta que o Plan de saneamento da ría de Pontevedra está consensuado coa Unión Europea

Avanza a sinatura nas próximas semanas do contrato de mellora do proceso depurativo, cun orzamento de 16 millóns de euros

Salienta a adxudicación no 1º trimestre de 2020 do contrato para a construción dun novo emisario submarino, cun investimento de 12,1 millóns de euros, que permitirá unha mellor devolución das augas limpas á ría

Pontevedra, 4 de outubro de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa Mar, Rosa Quintana, participou na reunión da Mesa do saneamento da ría de Pontevedra, onde avanzou o inicio a vindeira semana da tramitación ambiental da ampliación da depuradora dos Praceres, cun investimento duns 50 millóns de euros.

Neste encontro tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e as directoras de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e de Intecmar, Covadonga Salgado.

Os representantes autonómicos informaron aos concellos e ao sector do mar de que a ampliación contempla un capítulo extenso de integración no entorno que prevé que os novos terreos sexan dos que actualmente ocupan as balsas de Ence, afastándose das vivendas.

O proxecto tamén inclúe a cubrición total e desodorización dos procesos con máis impacto, o amortiguado do impacto visual poñendo do lado das casas zonas verdes e as edificacións máis baixas e a construción dun novo campo de fútbol no espazo do actual.

Vázquez Mourelle lembrou que os técnicos de Augas de Galicia estiveron analizando todas as tecnoloxías dispoñibles e as alternativas posibles antes de decantarse por esta decisión, cumprindo así o compromiso adquirido.

Non obstante, puntualizou que a conclusión foi que o feito de ser zona sensible obriga a uns tratamentos especiais para a eliminación de nitróxeno e fósforo que requiren de máis superficie.

Sinalou que aínda empregando as tecnoloxías máis compactas dispoñibles e que en Praceres se trataran só as augas do concello, a depuradora debería ser ampliada igual.

Destacou que se está ultimando o anteproxecto de ampliación da depuradora que contempla a incorporación dos procesos de eliminación de nitróxeno e fósforo para dar cumprimento ás exixencias europeas.

Con esta actuación tamén se aproveita para incrementar a capacidade da depuradora e do bombeo de Cocheras co fin de eliminar os vertidos que se veñen producindo na zona.

A Xunta segue a avanzar no Plan de saneamento da ría de Pontevedra, que está consensuado coa Unión Europea, segundo indicou a conselleira.

Neste sentido, na xuntanza, ademais da ampliación da depuradora, tamén se abordaron outras actuacións proxectadas pola Xunta na EDAR como a optimización do proceso depurativo, cun orzamento de 16 millóns de euros e cuxo contrato de adxudicación se poderán firmar en cuestión de semanas, segundo apuntou a conselleira.

Ademais abordouse a construción dun novo emisario submarino, cun investimento de 12,1 millóns de euros, que permitirá unha mellor devolución das augas limpas á ría. Este contrato foi licitado en agosto e a súa adxudicación prevese no primeiro trimestre de 2020.

Trátase dunha intervención importante, pois nunhas augas tan produtivas como as de Pontevedra, é fundamental que este aporte de auga doce ao mar se produza nunha zona que permita unha rápida disolución para non afectar á salinidade nin aos ecosistemas da ría.

A titular de Infraestruturas concluíu no obxectivo de ‘ter unha ría de Pontevedra de calidade’, xa que nesta área hai milleiros de empregos que dependen da calidade das augas a través do turismo, a pesca e o marisqueo.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es