CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Un total de 14 empresas presentan as súas ofertas para executar a renovación de beirarrúas e pluviais na estrada AC-550, entre Padín e Deán Pequeno, en Ribeira

A actuación, cun investimento duns 315.000 euros, consiste na mellora da beirarrúa na marxe esquerda da vía, no tramo que coincide coa Avenida de Ferrol, e na marxe dereita, entre os puntos quilométricos 107+460 e 107+870

Acometeranse a substitución do pavimento e a colocación de novas baldosas e bordos, a modificación dos pasos peonís actuais e a mellora da drenaxe

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2019.- Un total de 14 empresas presentan as súas ofertas para executar a renovación de beirarrúas e pluviais na estrada autonómica AC-550 ao seu paso polo Concello de Ribeira, entre Padín e Deán Pequeno, cun investimento de preto de 315.000 euros.

A actuación consiste na mellora e reposición de toda a beirarrúa deteriorada da AC-550, na súa marxe esquerda no seu acceso á poboación, entre os puntos quilométricos 107+320 e 107+870, na avenida de Ferrol. E na súa marxe dereita actuarase entre os puntos quilométricos 107+460 e 107+870.

Os traballos inclúen a substitución do pavimento, colocando novas baldosas de formigón en branco ou gris e novos bordos. Poñeranse a cota do novo pavimento as arquetas e os pozos de rexistro nas zonas de actuación, e modificaranse os pasos peonís actuais.

Ademais, mellorarase a drenaxe, aumentando o número de sumidoiros na marxe esquerda de modo que a separación entre eles sexa menor de 30 metros. Pola súa parte, a marxe dereita carece de sumidoiros, polo que é preciso instalar un novo colector de pluviais conectado mediante pozos de rexistro a novos sumidoiros.

Entre os puntos quilométricos 107+700 e 107+775 o colector de fecais atopase en mal estado polo que se procederá a súa reposición.

Con estas actuacións o departamento de Infraestruturas da Xunta continúa a traballar para mellorar e conservar a rede viaria autonómica, ofrecendo unhas estradas cómodas e seguras para todos os seus usuarios e fomentando o desenvolvemento económico e social dos municipios.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es