CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta inicia hoxe as obras para acondicionar en dous meses 100 quilómetros de vía en estradas autonómicas da Montaña lucense

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, subliñou que o 40% corresponden ao concello da Fonsagrada e o 18% a Baleira, e o resto a Baralla, Castroverde, Pol, Meira e Lugo

Lugo, 19 de agosto de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comeza hoxe mesmo os traballos dun ambicioso plan de mellora de seis estradas da Montaña lucense, que suma un investimento de 2,1 millóns de euros e suporá actuar sobre 100 quilómetros de vía, dos cales preto do 40% corresponden ao municipio da Fonsagrada e o 18% a Baleira.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se actúa sobre vías que vertebran ambos concellos, pero tamén determinan as conexións con Baralla, Castroverde, Pol, Meira e Lugo, e está previsto que todas as obras estean rematadas antes de finais de outubro.

En concreto, hoxe iníciase a mellora integral da estrada LU-740, que une o núcleo da Fonsagrada con Vilardíaz: Estenderase unha nova capa de rodadura con mestura asfáltica en quente en toda a lonxitude (17,6 quilómetros).

As obras prolongaranse ata finais deste mes, e a continuación comezarán nas estradas LU-701 e LU-703, que conectan A Fonsagrada con Asturias: A LU-701 comeza na capitalidade e ten unha extensión de 12,2 quilómetros, e a LU-703 mide 8,7 quilómetros e parte de Barbeitos. En ambas vanse realizar fresados localizados nos treitos máis deteriorados, con posterior reposición do pavimento con mestura bituminosa en todo o ancho do carril.

As obras na Fonsagrada estarán rematadas previsiblemente a mediados de setembro, sempre atendendo a que as condicións meteorolóxicas sexan as apropiadas. En total, suman un investimento de 1.470.200 euros.

A continuación darán comezo os traballos na LU-530, que une Lugo coa Fonsagrada, se ben as actuacións nesta estrada abarcarán os termos municipais de Lugo e Castroverde: dende a travesía de San Eufrasio, na capital, ata a travesía de Castroverde. Son en total 21 quilómetros, nos que se investirán 399.000 euros.

Este proxecto inclúe o acondicionamento dos tramos que presentan deterioro mediante fresados localizados e posterior reposición da calzada, a mellora da travesía de Castroverde e o arranxo integral da travesía de San Eufrasio, na capital. Este é o tramo con maior intensidade de tráfico da rede de estradas autonómicas na provincia, cunha media de 10.000 vehículos ao día, xa que constitúe o acceso preferente á cidade polo leste e serve para acceder ao hospital Lucus Augusti e á autovía A-6.

As obras rematarán a principios de outubro, e a continuación comezarán na LU-750, pasando xa ao concello de Baleira. Esta estrada conecta O Cádavo con Pol e con Meira, e investiranse 164.000 euros no seu acondicionamento, con fresados localizados nos treitos deteriorados e a reposición con mestura bituminosa a carril completo, e o acondicionamento integral da travesía do Cádavo

Por último, na última quincena de outubro actuarase na estrada LU-710, que une O Cádavo con Baralla e a autovía A-6, procedendo tamén á mellora localizada do firme cun investimento de 122.000 euros.

A distribución da intervención por concellos é a seguinte:
- Na Fonsagrada acondicionaranse 38,9 quilómetros, cun orzamento de 1.470.200 euros.
- En Baleira, 17,6 quilómetros, cun orzamento de 126.772 euros.
- En Lugo capital, 12,5 quilómetros, cun orzamento de 337.150 euros.
- En Baralla, en 9,9 quilómetros, cun orzamento de 75.378 euros.
- En Pol, 9,8 quilómetros, cun orzamento de 67.840 euros.
- En Castroverde, 8,5 quilómetros, cun orzamento de 61.673 euros.
- E en Meira, 2,4 quilómetros cun orzamento de 16.500 euros.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es