CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta analiza cos concellos do Baixo Miño o Plan de Transporte público, que mellorará substancialmente as conexións co Hospital e a Universidade de Vigo

O Plan suporá a extensión das vantaxes da Tarxeta Metropolitana aos concellos desta comarca, ademais da Tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 19 anos poderán viaxar gratis

A Xunta xa realizou unha primeira fase de participación pública, na que elaborou os mapas de liñas tras centos de enquisas a usuarios e entrevistas cos concellos

O contrato novo que operará entre A Guarda e Vigo aumenta o nivel de servizo en sete expedicións diarias de luns a venres durante todo o ano, xerándose tres novas liñas máis directas aos hospitais

Tamén se reforzaron os horarios de primeira hora, o que facilitará o acceso aos servizos de carácter sanitario ou educativo, xa que as liñas de media mañá rexistraban unha baixa demanda

Non obstante, o xefe territorial escoitou hoxe as propostas dos municipios, que serán estudadas para atendelas do mellor xeito posible e acadar uns servizos de autobús que respondan ás necesidades dos veciños e faciliten a súa mobilidade

O Goberno galego continúa apostando polo diálogo cos concellos co fin de proporcionarlles aos cidadáns un transporte público eficaz que mellore as súas comunicacións e polo tanto a súa calidade de vida

  • O xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na provincia de Pontevedra, José Luis Díez Yáñez, reuniuse hoxe cos rexedores desta bisbarra
  • O xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na provincia de Pontevedra, José Luis Díez Yáñez, reuniuse hoxe cos rexedores desta bisbarra

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2019.- O xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na provincia de Pontevedra, José Luís Díez Yáñez, mantivo hoxe un encontro cos alcaldes do Baixo Miño para abordar o Plan de transporte público de Galicia, que mellorará substancialmente as conexións co Hospital Álvaro Cunqueiro e a Universidade de Vigo.

O representante do Goberno galego escoitou as achegas dos rexedores do Rosal, A Guarda, Tomiño e Tui e Oia, aos que lles trasladou que serán avaliadas para atendelas do mellor xeito posible.

O Plan de transporte público non só reforzará os servizos aos cidadáns, senón que tamén suporá a extensión das vantaxes da Tarxeta Metropolitana aos concellos do Baixo Miño, ademais da Tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 19 anos poderán viaxar gratis.

A Xunta vén apostando polo consenso no proceso da modernización do transporte público, que xa contou cunha primeira etapa de participación pública e que elaborou os mapas de liñas tras centos de enquisas a usuarios e entrevistas individuais cos concellos.

Neste sentido, a consellería xa incorporou ao plan demandas que os concellos desta área lle foron trasladando en reunións. Así, por exemplo, o novo contrato que operará entre A Guarda e Vigo aumenta o nivel de servizo en sete expedicións diarias de luns a venres durante todo o ano, xerándose tres novas liñas máis directas aos hospitais.

Ademais, tamén se reforzaron os horarios de primeira hora, o que facilitará o acceso aos servizos de carácter sanitario ou educativo, xa que as liñas de media mañá rexistraban unha baixa demanda.

Non obstante, tal como se indicou na reunión de hoxe, a Xunta estudará as propostas para seguir adaptando as liñas ás necesidades dos veciños, mellorando as frecuencias ou as paradas.

O Goberno galego segue escoitando as solicitudes dos concellos en materia de transporte público co fin de atendelas e proporcionarlles aos cidadáns uns servizos eficaces que melloren as súas comunicacións e polo tanto a súa calidade de vida.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es