CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Un total de 19 empresas presentaron as súas ofertas para executar as obras de adecuación do Camiño Francés en Santiago entre a ponte de San Lázaro e a rúa Miguel Ferro Caaveiro

Os traballos, cun investimento de case 913.000 euros, teñen un prazo de execución de 9 meses, de forma que se prevé que estean rematadas antes do verán de 2020

Habilitarase unha senda para os peregrinos na entrada á cidade pola marxe esquerda da estrada, ampliando e mellorando o paso sobre a vía do ferrocarril e creando unha nova zona de aparcadoiros

Beneficiarase tamén aos veciños da zona, con maior accesibilidade, melloras nos accesos ás vivendas e cunha nova parada de autobús
 

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2019.- Un total de 19 empresas presentaron as súas ofertas para executar as obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Francés ao seu paso polo barrio compostelán de San Lázaro.

Esta nova actuación, licitada por case 913.000 euros, ten un prazo de execución de 9 meses, de forma que se prevé que estean rematados antes do verán de 2020.

Esta intervención no Camiño Francés desenvolverase desde a ponte de San Lázaro, nas inmediacións do restaurante O Tangueiro, ata a rúa Miguel Ferro Caaveiro, e prevé habilitar na marxe esquerda da estrada unha senda para os peregrinos, desprazando á beira oposta as zonas de aparcadoiro.

A zona de tránsito para os camiñantes estará separada da estrada con franxas axardinadas para diminuír o impacto visual e sonoro do tráfico sobre a experiencia do peregrino.

Destaca a actuación prevista no paso sobre a vía do tren, que se ampliará e mellorará, dotándoo dun acabado estético propio do Camiño, así como de maior protección e illamento. Xunto con isto, ampliarase o espazo peonil na glorieta da estrada SC-20.

Tamén se prevé habilitar unha nova zona de aparcadoiro fronte ao restaurante O Tangueiro, nunha parcela de propiedade do Concello, que se dotará con 16 prazas para estacionamento.

Trátase dunha intervención deseñada tamén para beneficiar aos veciños da zona, achegando maior accesibilidade, melloras nas entradas ás vivendas, ampliando a zona de paso peonil e habilitando unha nova parada de autobús.


Esta intervención súmase ás obras que a Xunta comezará en setembro na baixada do Monte do Gozo e ás previstas para reordenar o cruce dos Concheiros, completando así a mellora da entrada do Camiño Francés en Compostela. En total, a Administración autonómica mellorará 1,8 quilómetros desta Ruta en Santiago.

A Xunta segue a progresar no desenvolvemento da estratexia de mellora das chegadas dos Camiños a Compostela, unha iniciativa que prevé un investimento de 12 millóns de euros para mellorar 9 zonas da cidade.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es