CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez avanza o inicio a principios do 2020 da execución dunha senda que conectará a praia de Laxe e o paseo marítimo, cun investimento de 330.000 euros, co fin de rematala o vindeiro verán

Vázquez Mourelle explica que o período de presentación de ofertas para estas obras, cun prazo de execución de 3 meses, remata o vindeiro 3 de setembro

Sinala que o itinerario de preto de 800 metros na estrada AC-429 unirá á zona deportiva, educativa e de lecer de Cabo da Area, centro de equipamentos do municipio, coa propia vila

Concreta que a senda executarase en 2 treitos, comezando o itinerario principal polo extremo da praia pola marxe dereita desta vía ata a vila, e un segundo paralelo ao Rego dos Cabalos que conectará co paseo marítimo e carril bici existente

Destaca que o Plan de Sendas da comarca recolle case 11 km de itinerarios peonís e ciclistas que suman un investimento duns 5 millóns de euros, con 5 itinerarios xa en servizo e outros 2 nos que se está a traballar

Subliña o traballo que se segue a facer na AC-429 ao seu paso por este municipio, onde o departamento de Infraestruturas da Xunta vén de investir 90.000 euros no treito final integrado no núcleo urbano, na zona do porto

Avanza a redacción dos proxectos das sendas na AC-433, en Soesto e Serantes, así como o da mellora do firme na AC-434, en Boaño

Laxe (A Coruña), 8 de agosto de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reuniuse hoxe co alcalde de Laxe, José Luís Pérez, ao que lle trasladou a licitación hoxe da execución dunha senda peonil e ciclista que conectará a praia de Laxe e o paseo marítimo, cun investimento de 330.000 euros, para iniciar as obras a principios do 2020 e telas rematadas o vindeiro verán.

O período de presentación de ofertas para executar este itinerario mixto na estrada autonómica AC-429, que une Laxe e Ponteceso, remata o vindeiro 3 de setembro xaneiro. As obras teñen un prazo de execución de 3 meses.

Vázquez Mourelle sinalou que esta actuación de mellora da mobilidade e reforzo da seguridade viaria, permitirá construír unha nova senda que unirá á zona deportiva, educativa e de lecer de Cabo da Area, centro de equipamentos do municipio, coa propia vila de Laxe.

Explicou que esta actuación recolle a execución de 2 treitos de senda. Un itinerario principal, que se inicia no extremo da praia de Laxe e continúa pola marxe dereita da estrada ata a entrada da vila, onde conecta coas beirarrúas existentes. E un ramal, unha senda que conectará este itinerario principal co paseo marítimo e co carril bici existente, que discorrerá paralela ao Rego dos Cabalos, por ambos os lados.

Apuntou, ademais que no caso do itinerario entre a praia de Laxe e a entrada á vila, trátase dunha senda diferenciada para peóns e ciclistas, en formigón coloreado, para que sexa máis facilmente visible e identificable polos condutores.

A conselleira indicou que o departamento que dirixe investirá 280.000 euros na construción deste itinerario de preto de 800 metros de sendas, e apuntou que, aínda que non son necesarias expropiacións, a achega do departamento de Infraestruturas da Xunta se elevará ata os 330.000 euros, ao incluír a reposición dos servizos existentes afectados no transcurso das obras.

Ethel Vázquez sinalou que este itinerario forma parte do Plan de Sendas da Xunta para a comarca de Bergantiños, cofinanciadas con Fondos FEDER 2014/2020, e que recolle case 11 km de itinerarios peonís e ciclistas que suman un investimento duns 5 millón de euros.

Este Plan de sendas, tal e como destacou, está xa moi avanzado, cun grao de execución próximo ao 75%, con 5 itinerarios xa en servizo e outros 2 nos que se está a traballar, como a senda de Laxe que hoxe se licita.

Deste xeito, subliñou, o departamento de Infraestruturas da Xunta segue a facer en Laxe, nesta estrada AC-429, o traballo necesario para favorecer os desprazamentos cotiáns dos veciños coa construción deste senda e reforzar a seguridade viaria de todos os usuarios.

Un obxectivo, abundou, ao que tamén teñen contribuído as melloras levadas a cabo pola departamento que dirixe antes de transferir ao Concello o treito final da estrada integrado no núcleo urbano, na zona do porto. A Xunta investiu 90.000 euros nas actuacións de repintado, sinalización de pasos de peóns e adaptación de beirarrúas na contorna, antes do cambio de titularidade ao Concello.

Na reunión de hoxe co rexedor municipal tamén se acordou que o departamento de Infraestruturas da Xunta redactará os proxectos para avanzar nas sendas de Soesto e Serantes, na estrada AC-433, así como a redacción do proxecto de mellora do firme na AC-434, en Boaño.

Tal e como dixo a conselleira, intervencións da Xunta para facer estradas máis humanas e máis seguras para os usuarios vulnerables. Tamén por unha Galicia máis verde, co fomento dunha mobilidade máis respectuosa co medio, concluíu.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es