CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez avanza que a nova conexión directa do polígono de San Cibrao das Viñas coa A-52 estará en servizo a mediados de 2020, cun investimento autonómico de case 22 millóns de euros

Vázquez Mourelle indica que a día de hoxe as obras están a avanzar a bo ritmo, aproximándose o grado de execución das mesmas ao 50%

Explica que os traballos permiten debuxar xa na paisaxe o viaduto de San Benito, ao que só restan os estribos e o taboleiro, prevéndose para principios de setembro o inicio da montaxe do taboleiro mediante o carro lanzavigas

Salienta que a nova vía, permitirá a conexión áxil do parque empresarial, reducindo en máis do 60% o percorrido actual coa A-52, ademais de reforzar a seguridade viaria e mellorar a conectividade con Celanova e Bande

Subliña que a conexión vén recollida no Plan sectorial viario de Ourense, formando parte da aposta da Xunta de mellorar a competitividade do tecido empresarial con infraestruturas viarias modernas, e de construír a Galicia da vindeira década

San Cibrao das Viñas (Ourense), 7 de agosto de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a nova conexión directa do polígono de San Cibrao coa autovía que une Vigo con Madrid estará en servizo, e á disposición de transportistas e veciños, a mediados de 2020, incrementando a competitividade e o atractivo do que é a principal área industrial da provincia de Ourense, cun investimento autonómico de case 22 millóns de euros.

Vázquez Mourelle, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, do alcalde de San Cibrao das Viñas, así como dos empresarios, comprobou hoxe na contorna do rego de San Benito os adiantos na execución desta vía de novo trazado. Esta infraestrutura, duns 4,5 km, transcorre polos municipios de Taboadela e San Cibrao, contará 2 carrís de circulación en todo o percorrido, ao que se suma un terceiro carril en case a metade da traza.

Indicou que as obras están a avanzar a bo ritmo e a día de hoxe están a traballar uns 40 operarios e 18 vehículos pesados, aproximándose o grado de execución actual ao 50%.

A conselleira quixo amosar a pé de obra os avances acadados desde a súa última visita ás mesma no mes de xaneiro, e referiu os avances considerables dos traballos estes meses, onde xa se pode ver como se debuxa na paisaxe o viaduto de San Benito, perfectamente integrado na contorna.

Nesta infraestrutura, tal e como dixo, están xa feitas as cimentacións e executados os fustes e capiteis das pilas do viaduto, restando só os estribos e o taboleiro. A principios de setembro está previsto iniciar a montaxe do taboleiro mediante o carro lanzavigas.

Tamén está avanzado o movemento de terras en toda a traza e os traballos no resto de estruturas, e citou os 4 pasos inferiores que xa están executados, e no paso superior comezouse a escavación da cimentación dos estribos.

Esta nova vía, tal e como subliñou, permitirá unha conexión directa e áxil do parque empresarial, reducindo en máis do 60% o percorrido actual coa A-52; ademais de supoñer reforzo da seguridade viaria e mellorar a conectividade con Celanova e Bande, favorecendo a mobilidade en toda esta zona.

Ethel Vázquez, lembrou que esta infraestrutura estratéxica e ambiciosa é froito dunha completa planificación, recollida no Plan sectorial viario de Ourense, demandada e agardada, coa que desde o departamento que dirixe se está a atender as necesidades de comunicación deste polígono de San Cibrao e dos veciños da contorna.

En definitiva, dixo, unha aposta da Xunta por mellorar a competitividade do tecido empresarial galego a través da dotación de infraestruturas viarias modernas, seguras e de calidade, que favorecen a mobilidade e, con iso, a actividade industrial. “Traballando para construír a Galicia da vindeira década, unha Galicia máis innovadora”, concluíu.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es