CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta solicita unha reunión ao Concello da Coruña e ao ADIF para abordar a Estación Intermodal da Coruña

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade pretende abordar a situación actual e as previsións de cada administración no desenvolvemento desta estación

O Goberno galego ten avanzada a redacción do proxecto básico da terminal de autobuses

O Executivo autonómico traballa coa previsión de realizar este ano o novo deseño para dispor en 2020 do proxecto de cara a licitar as obras en canto se supere o trámite urbanístico que se decida

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, vén de convocar ao Concello da Coruña e ao ADIF para abordar a situación actual e as previsións de cada Administración nas actuacións levadas a cabo de cara ao desenvolvemento da Estación Intermodal da Coruña.

O encontro, para o que se propón o vindeiro venres, terá un perfil eminentemente técnico e o seu obxectivo será compartir os avances acadados por cada unha das partes implicadas así como coñecer os cronogramas cos que traballa cada unha delas.

Cómpre lembrar que o departamento de Infraestruturas da Xunta ten en redacción o novo proxecto básico e de execución da terminal de autobuses, cun investimento de máis de 291.000 euros. O Goberno galego financiará esta actuación con fondos propios da Comunidade Autónoma, tal e como recollen os orzamentos da Xunta para 2019.

O Executivo autonómico traballa coa previsión de rematar este ano o novo deseño para dispor en 2020 do proxecto que permita iniciar a tramitación urbanística que se decida para, a continuación, licitar as obras da nova estación intermodal.

Na reunión, a Xunta proporá retomar o convenio que se estaba abordando, necesario para executar as obras, repartir as responsabilidades e resolver a compatibilidade urbanística.

A estación intermodal facilitará o intercambio áxil e seguro entre os distintos modos de transporte nesta cidade e potenciará o uso do transporte público.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es