CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta salienta a importancia de inculcar nos máis novos a cultura da seguridade viaria para que a aprendizaxe de hoxe lles sirva e a apliquen no mañá, cando transiten polas estradas

Vázquez Mourelle explica que as actividades educativas organizadas pola Fundación, e que cofinancia a Xunta, fomentan nos rapaces hábitos e condutas seguras e responsables, e mesmo actúan de “correctores” no ámbito familiar

Sinala que os máis de 100 rapaces de 3 a 15 que participan nestas actividades están a coñecer de xeito ameno e divertido a importancia de respectar as normas de circulación e as consecuencias dos comportamentos desaxeitados nas estradas

Destaca entre as actividades de hoxe o circuíto de educación viaria para a posta en práctica dos coñecementos adquiridos, e a entrega de chalecos reflectores aos rapaces para que se familiaricen co uso desta prenda que salva vidas

Esta iniciativa se enmarca no Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, do que tamén forma parte a campaña “O Corazón está do teu lado”, e que se desenvolve nos colexios do rural galego e que ensina aos cativos a ir pola estrada con seguridade

Ponteceso (A Coruña), 6 de agosto de 2019.- A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou hoxe en Ponteceso nas actividades sobre educación viaria organizadas pola Fundación Eduardo Pondal, na súa Escola de Verán, onde salientou a importancia de inculcar nos máis novos a cultura da seguridade viaria para que a aprendizaxe de hoxe lles sirva e a apliquen no mañá, cando se convertan, ademais de peóns, tamén en condutores, e transiten polas estradas.

Vázquez Mourelle, que quixo compartir hoxe tempo de divertimento e aprendizaxe cos nenos e mozos dos concellos veciños de Laxe, Malpica, Cabana e Ponteceso, explicou que as actividades sobre educación viaria nesta escola de verán responden á necesidade de fomentar entre os máis novos hábitos e condutas seguras e responsables cando se moven pola estrada. Actividades que o departamento que dirixe cofinancia coa Fundación Eduardo Pondal, e na que participan 100 rapaces de 3 a 16 anos destes 4 municipios.

A conselleira sinalou que a Xunta e a Fundación Eduardo Pondal están a colaborar neste proxecto conscientes de que o que se aprende de pequenos permanece na memoria ao longo de toda a vida, non se esquece nunca. Engadiu, que estas condutas responsables se agarda que as leven, tamén, ao ámbito familiar, sendo exemplo para país e avós, e mesmo actuando como “correctores” cando estes fagan algo inadecuado na estrada.

Indicou que nestas actividades os máis novos están descubrir a importancia de coñecer e respectar as normas de circulación, as consecuencias que pode ter non facer caso dos sinais e das normas de tráfico, e aprenden medidas de primeiros auxilios ante situacións de emerxencia. E, ante todo, abundou, búscase inculcar neles o sentido da responsabilidade, tanto agora como peóns ou usuarios da bici, como cando sexan maiores e estean ao mando dun vehículo.

E todo isto, resaltou, dunha forma moi amena e divertida, como comprobou esta mesma mañá a conselleira, que asistiu á representacións teatrais, bailes e cantos, participou do almorzo saudable cos rapaces, con semáforos de froitas. E mesmo, nada máis chegar, Ethel Vázquez dixo que foi entrevistada sobre a materia da seguridade viaria na Radio da Escola polos alumnos aos que cualificou de “expertos xornalistas”.

Concretou que as actividades de hoxe se completan cun circuíto de educación viaria, no que colaboran a xefatura de Tráfico e o Club Ciclista de Carballo, onde poñer en práctica os coñecementos adquiridos. Ademais da entrega de chalecos reflectores a cada un dos rapaces, para que entendan a importancia de que se fagan ver cando transiten pola beira da estrada. E aquí, apuntou, a importancia de que os máis novos se familiaricen co uso dunha prenda moi sinxela pero que salva vidas: “Hai que facerlles ver que, coma no mar, un mundo co que están moi familiarizados, estes son ‘chalecos salvavidas en terra’ nas estradas” .

A Conselleira remarcou así como este tipo de iniciativas trata de facerlles comprender, desde pequenos, o importante que é que extremen as precaucións e adquiran hábitos e condutas seguras cando transiten pola estrada. Medidas que se enmarcan no Plan de Seguridade Viaria 2016-2020 e do que tamén forma parte, por exemplo, a campaña O Corazón está do teu lado, que o departamento que dirixe está a desenvolver en centros educativos do rural galego para ensinarlles aos máis cativos a ir pola estrada con seguridade.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es