CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta licita por máis de 1,5 millóns de euros as obras da 2ª fase de mellora da estrada PO-235, entre os núcleos de Antas e Seixido, no Concello da Lama

As empresas interesadas na execución deste contrato teñen de prazo ata o 2 de setembro para presentar as súas ofertas

Esta actuación, que dispón dun prazo de execución de 8 meses, dará continuidade ao tramo de máis de 2 quilómetro rematado en outubro do 2018

A nova intervención comprende actuacións en dous subtramos que suman máis de 5 quilómetros e inclúen a ampliación da plataforma da estrada ata acadar os 6,5 metros e a rectificación de curvas, entre outros traballos

Estes traballos dan continuidade aos acometidos na 1ª fase de mellora desta estrada ao seu paso polo municipio pontevedrés, sumando un investimento que supera os 2,1 millóns de euros

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade impulsa estas obras para mellorar e conservar a rede viaria autonómica, facendo estradas cómodas e máis seguras para todos os seus usuarios

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe na Plataforma de Contratos da Xunta de Galicia a licitación das obras da 2ª fase de mellora na estrada autonómica PO-235 ao seu paso polo Concello da Lama, por un investimento de máis de 1,5 millóns de euros.

As empresas interesadas na execución deste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 2 de setembro. Os traballos teñen un prazo de execución de 8 meses.
Esta intervención ten por obxecto o ensanche e mellora destra estrada autonómica, no tramo comprendido entre Antas, no punto quilométrico 11+870, e Seixido, no p.q.18+000. A actuación completa así a mellora xa realizada nesta estrada, que nunha 1ª fase realizou melloras no treito máis próximo a Seixido, ao longo de máis de 2 quilómetros, e que foron rematadas en outubro do 2018.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciará a contratación destas obras no verán e prevé o levantamento de actas previas no terceiro trimestre de 2019.

En concreto a nova actuación esténdese desde a travesía de Antas, no punto quilométrico 11+870 a 15+560, e continúa no 15+740 ata o punto quilométrico 17+200, desde o que se actuou coa obra xa rematada na parroquia de Seixido.

Nesta segunda actuación se prevé intervir nestes dous subtramos da vía autonómica, que suman máis de 5 quilómetros, ampliando a plataforma da estrada ata os 6,5 metros, fronte os 5 metros actuais.

As obras previstas tamén permitirán a rectificación das curvas de menor radio, a extensión dunha nova capa de rodadura en todo o tramo, e a drenaxe transversal da plataforma. Ademais está proxectado o tendido e revestimento das cunetas, nos tramos que resulte convinte, e completarase coa disposición de sinalización horizontal, vertical e de balizamento e defensas.

Nas dúas fases de mellora desta estrada o departamento de Infraestruturas da Xunta vén a investir máis de 2,1 millóns de euros, xa que na primeira fase de acondicionamento desta estrada dispuxo un orzamento de 600.000 euros.

Con estas actuacións o departamento de Infraestruturas da Xunta continúa a traballar para mellorar e conservar a rede viaria autonómica, ofrecendo unhas estradas cómodas e seguras para todos os seus usuarios e fomentando o desenvolvemento económico e social dos municipios.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es