CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta adxudica as obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Portugués no barrio compostelán de Conxo, cun investimento superior aos 1,6 millóns de euros

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar os traballos o próximo mes de setembro, que dispoñen dun prazo de execución de 9 meses

A intervención no núcleo de Conxo de Abaixo suporá unha reordenación deste itinerario, mellorando a visual do peregrino ao longo da traza do camiño e reducindo o tránsito de vehículos, entre a glorieta coa SC-20 ata a rúa da Escurridía

As obras inclúen a humanización da praza fronte o mosteiro para dotar a este barrio compostelán dunha zona emblemática de acollida e desfrute de peregrinos e veciños, que disporán da súa pequena praza do Obradoiro

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras do proxecto de mellora e integración paisaxística do Camiño Portugués en Conxo, no Concello de Santiago, por un importe superior aos 1,6 millóns de euros.

Esta actuación no barrio histórico de Conxo enmárcase no ámbito do Camiño de Santiago e foi adxudicada á empresa Explotaciones Gallegas S.L. O departamento de Infraestruturas da Xunta prevé iniciar as obras o próximo mes de setembro, que teñen un prazo de execución de 9 meses, desde o seu inicio.

Os traballos no núcleo de Conxo de Abaixo suporá unha reordenación do itinerario desta ruta, mellorando a visual do peregrino ao longo da traza do camiño e reducindo o tránsito de vehículos, entre a glorieta coa SC-20 ata a rúa da Escurridía. Tamén cabe destacar a importancia que a dita actuación terá para os veciños do lugar.

Cómpre sinalar entre as actuacións previstas neste barrio histórico compostelán a intervención na praza fronte ao mosteiro de Santa María, para darlle unha dimensión máis humana ao espazo público, restrinxindo o tráfico de subida para residentes e transporte público. O obxectivo, dotar a este barrio compostelán dunha zona emblemática de acollida e desfrute de peregrinos e veciños, que disporán da súa pequena praza do Obradoiro.

A intervención nesta praza despexará a contorna coa fin prioritaria de propiciar unha grande praza, homoxénea e continua. Para iso, o proxecto unifica o nivel das dúas entradas principais do mosteiro, a da igrexa e a do hospital.

Configúrase unha praza, que se estende ata o centro social, a escola infantil e centro de saúde. Mantéñense os plátanos actuais e o cruceiro na súa actual situación, pero despéxase o resto da praza o que permite poñer en valor a fachada do mosteiro.

Reordénanse as prazas de carga e descarga e a parada do autobús, e se incorpora mobiliario urbano. O pavimento será homoxéneo e se estenderá ata os rueiros veciños.

Xa fóra da praza, reordénase a sección da rúa Benéfica para asegurar un paso mínimo de 3 m para o tránsito do peregrino, configurándose unha senda na que se disporá novo arborado.

Na Travesía de Torrente ata a rúa da Escurridía, o proxecto considera o mantemento xeral da sección e o pavimento existente, reparando o danado ou inadecuado.

En canto ao tráfico, restrinxirase a circulación na praza do mosteiro de Conxo no sentido de subida, salvo para o autobús urbano e residentes. Esta solución foi tratada cos veciños e coa empresa máis importante da zona.

Esta actuación enmárcase no proxecto para mellorar as entradas das diferentes rutas dos Camiños de Santiago á cidade de cara ao Xacobeo 2021, facendo que sexan claramente visibles e identificables, ao tempo que favorece o tránsito dos peregrinos sobre o tráfico rodado.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es