CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta colaborará con Monterrei na mellora do abastecemento da Madanela e na demanda de actuacións da Confederación Hidrográfica do Douro fronte aos danos das inundacións

A conselleira trasládalle ao rexedor o compromiso do Goberno galego de apoiar a este municipio na solución dos problemas de abastecemento de auga que afectan á parroquia da Madanela

Na xuntanza, analizaron os danos causados polas inundacións, expresando a conselleira a garantía de colaboración da Xunta

Ethel Vázquez avanzou que a Consellería de Infraestruturas licitará antes de que remate o ano a construción de beirarrúas na estrada OU-143 en Albarellos e mellorará o firme desa vía

Santiago, 3 de agosto de 2019.- A Xunta de Galicia colaborará co concello de Monterrei na mellora do abastecemento da parroquia da Madanela, así como na demanda de actuacións por parte da Confederación Hidrográfica do Douro para evitar novos episodios de inundacións e para facer fronte aos danos causados por estas.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo unha xuntanza co alcalde, José Luis Suárez Martínez, quen lle trasladou a preocupación da corporación municipal polos destrozos causados polas inundacións, así como polas afeccións aos sistemas de abastecemento e saneamento en Vilaza, Caridade, Infesta e Madanela.

A conselleira e o rexedor analizaron conxuntamente a situación, co compromiso expreso por parte do Goberno galego de colaborar co Concello na atención das necesidades máis urxentes.

Ethel Vázquez e o alcalde coincidiron en sinalar que, tendo en conta que Monterrei pertence ao ámbito da Confederación Hidrográfica do Douro, este organismo debe tamén asumir a súa responsabilidade de colaboración na reparación dos danos e, especialmente, na adopción de medidas destinadas a evitar que este tipo de situacións se repita.

Entre as actuacións necesarias, sinalaron na necesidade de acometer obras para darlle continuidade ao encauzamento do río Rubín, o que contribuiría a minimizar os asolagamentos.

Pola súa banda, a conselleira trasladoulle ao rexedor que a Xunta colaborará co concello na solución dos problemas que presenta o abastecemento e auga da parroquia da Madanela, para o que o Concello remitirá unha memoria valorada sobre as obras necesarias.

Finalmente, Ethel Vázquez informou ao alcalde de que antes de que remate o ano se licitarán as obras destinadas a dotar de beirarrúas o núcleo de Albarellos, na estrada OU-143, unha vía autonómica na que tamén se prevé a renovación do firme.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es