CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez anuncia que a depuradora de Vigo será pioneira na reutilización das augas tratadas nas súas instalacións e abre o camiño a exportar a experiencia a outras zonas de Galicia

A Xunta comunicou ao Concello de Vigo a resolución favorable para esta práctica, reforzando a aposta do Goberno galego por colaborar co municipio na xestión responsable e eficiente da auga

A auga poderá reutilizarse para o rego das zonas axardinadas e cubertas dentro das instalacións da depuradora e nos propios procesos industriais da estación en circuítos pechados

Os requisitos establecidos pola Xunta garanten que a reutilización da auga contará con todas as garantías sanitarias

A conselleira salientou que esta iniciativa permitirá acadar un aforro de auga equivalente ao consumo de 3.500 persoas

Será a primeira experiencia en Galicia para esta práctica cada vez máis habitual en España e en Europa

Vigo, 2 de agosto de 2019.- La conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe que a estación depuradora de augas residuais de Vigo será pioneira na reutilización de augas depuradas para o mantemento das súas instalacións, favorecendo a redución de consumo de auga potable, e abrindo este camiño para probar o seu funcionamento e que se poida exportar esta experiencia a outras depuradoras de Galicia.

Vázquez Mourelle, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, deu conta en rolda de prensa da resolución favorable da Xunta á solicitude de autorización para darlle uso ás augas depuradas na estación de Lagares. Isto, subliñou, significa que a empresa concesionaria da auga en Vigo poderá reducir de xeito moi importante o seu consumo de auga potable, reutilizando augas depuradas para o rego dentro das instalacións da depuradora e para o proceso industrial de depuración.

Sinalou que esta iniciativa forma parte do traballo que está a desenvolver a Xunta para que os galegos desfruten dun abastecemento de auga en calidade e en cantidade suficiente para satisfacer as súas necesidades. E lembrou que, aínda que as competencias en saneamento e abastecemento son municipais, a Xunta sempre fixo e segue a facer un intenso labor de apoio aos entes locais nas súas competencias, e puxo como un dos exemplos o convenio para o estudo de alternativas para a mellora da garantía do abastecemento de Vigo, no que se investirán 200.000 euros, achegando a Xunta un terzo.

Ethel Vázquez salientou en que a reutilización de augas depuradas na EDAR de Lagares, é unha iniciativa cada vez máis habitual en España e en Europa, é a primeira vez que se autoriza en Galicia, tras un intenso traballo de análise e de busca de solucións por parte de tódolos axentes implicados.

Neste sentido explicou que, co obxectivo de ter tódalas garantías sanitarias e de salubridade, foi necesario agardar a ter unha experiencia no funcionamento da depuradora de Lagares para ver se se cumprían os parámetros de vertido tal e como estaban deseñados. E unha vez comprobado este punto, comezou o deseño do proceso da auga.

Explicou que a decisión de que fose Vigo o primeiro lugar onde se autoriza a reutilización de augas residuais está fundamentada en varios motivos, o primeiro por ser esta depuradora a maior obra hidráulica feita nunca en Galicia, con case 80 millóns de euros achegados pola Xunta. E o segundo, porque Vigo é unha das cidades máis vulnerables ante episodios de seca e, por iso, é adecuado que sexa aquí onde se apliquen medidas de aforro do consumo como esta.

A conselleira concretou o detalle dos distintos procesos de tratamento extra que farán posible que a auga depurada sexa reutilizada, en concreto, para o rego das zonas axardinadas e cubertas dentro das propias instalacións da depuradora e ao baldeo e limpeza da EDAR e do bombeo do emisario. Así mesmo, poderá destinarse a usos industriais dentro do proceso de depuración.

Para ter todas as garantías sanitarias, a conselleira sinalou que o departamento que dirixe ten establecido un programa de analíticas moi esixente que prevé cada ano un mínimo de 500 resultados analíticos cuxos resultados deben ser remitidos trimestralmente a Augas de Galicia.

A conselleira salientou que esta iniciativa permitirá acadar un aforro de auga equivalente ao consumo de 3.500 persoas

Ethel Vázquez, que incidiu na especial relevancia desta medida, que deixa o camiño aberto para estender a reutilización das augas depuradoras a outras EDAR galegas, sinalou que a Xunta segue a apostar por seguir avanzando co resto de medidas postas en marcha polo Goberno galego, tanto na Estratexia Galega de Economía Circular como a través da Lei de Garantías de Abastecemento. Tal e como remarcou, “temos o camiño claro, sabemos onde hai que actuar, e estamos avanzando nel”, e pediu que fagan o mesmo tódalas administracións.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es