CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta adxudica as obras de mellora da rede de abastecemento do núcleo de Cartelle, no concello de Toén, cun investimento de máis de 12.000 euros

A intervención dispón dun prazo de execución de 1 mes e permitirá a renovación de dous tramos de tubaxe de distribución que, pola súa antigüidade, presentan constantes roturas e perdidas de caudal dando un deficiente servizo aos veciños

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade coopera cos Concellos a través de Augas de Galicia para que a cidadanía dispoña de servizos axeitados, especialmente á hora de garantir a calidade de vida dos que habitan o medio rural

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia vén de adxudicar as obras de mellora da rede de abastecemento no núcleo de Cartelle, no concello de Toén, por un importe superior aos 12.000 euros.

Esta intervención do organismo hidráulico da Xunta dispón dun prazo de execución estimado de 1 mes e foi adxudicada á empresa Consernor, S.L.

As obras comprenden á renovación de dous tramos de tubaxe de distribución que, pola súa antigüidade e sección insuficiente, presentan constantes roturas e perdidas de caudal dando un deficiente servizo de abastecemento de auga. E para iso o proxecto contempla actuación en dous ramais, na estrada a Toén e na Florida.

No ramal 1, na estrada a Toén, renovarase a tubaxe que conecta coa rede xeral de distribución existente, e que discorre baixo pavimento da beirarrúa, na marxe dereita desta vía que enlaza o núcleo rural de Cartelle coa vila de Toén.

Para esta actuación, se procederá ao levantado de baldosa hidráulica e rotura da base de formigón para poder executar a gabia que albergará a tubaxe. Colocaranse un total de 125 metros de canalización. Desde esta mesma tubaxe proxectase a reposición dun total de 6 acometidas de abastecemento a vivendas.

Neste tramo ademais está proxectada a colocación dunha chave de corte na arqueta de conexión á rede xeral existente, así como unha válvula de ventosa no punto máis alto do trazado da tubaxe, no entronque coa estrada que enlaza os núcleos de Barral e Celanova.

Por último reporase o pavimento da beirarrúa reforzado con base de formigón en cruces de estrada, levantado pola execución das gabias.

En canto as tarefas a executar na tubaxe do segundo ramal, na Florida, as obras buscan subsanar as perdidas de caudal que impiden un normal subministro no abastecemento de auga. Para mellorar este tramo da rede de distribución colocaranse 35 metros de tubaxe enterrada. Proxectase a colocación de 1 arqueta para aloxamento de válvula de mariposa. Reporanse 4 acometidas a vivendas que enlazan con esta tubaxe de distribución, e o treito de firme levantado pola execución das obras.

Esta intervención enmarcase na cooperación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade cos Concellos para que a cidadanía dispoña de servizos axeitados, especialmente á hora de garantir a calidade de vida dos que habitan o medio rural.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es