CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez avanza o impulso da segunda fase da mellora da seguridade viaria en Seixalbo tras concluír as obras de mellora dun treito de 1,5 quilómetros cun investimento de 850.000 euros

Vázquez Mourelle subliña as melloras acadadas grazas á nova glorieta no acceso principal a Seixalbo e á reforma da intersección coa rúa Igrexa, así como a eliminación do terceiro carril e o novo espazo para aparcadoiros

Destaca os traballos de reforzo da seguridade dos pasos de peóns e a instalación das novas marquesiñas nas paradas de autobús, así como a habilitación das sendas na traza do Camiño de Santiago

 Anuncia que o mes de agosto se someterá a información pública a actuación na contorna o tanatorio, para que se prevé un investimento de 500.000 euros e que será explicada aos veciños no prazo de alegacións

Estas intervencións veñen a sumarse a outras tan importantes para a cidade como a da Avenida Otero Pedrayo ou a posta en valor da Ponte Romana

Ourense, 31 de xullo de 2019. – A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe o impulso da segunda fase das obras de mellora da seguridade viaria na estrada OU-105, ao seu paso por Seixalbo, tras concluír os traballos nun treito de 1,5 quilómetros mediante un investimento autonómico de 850.000 euros.

Subliñou que o conxunto das obras nesta estrada de titularidade autonómica non só se mellorarán a mobilidade e accesibilidade de Ourense nun treito da Vía da Prata, senón que se contribuirá a poñer en valor Seixalbo como un dos núcleos históricos da cidade.

Vázquez Mourelle, xunto coa delegada territorial da Xunta, Marisol Diaz, quixo comprobar hoxe o remate da 1ª fase das obras de renovación en Seixalbo, entre a zona do tanatorio e O Cumial, cun investimento dun 850.000 euros.

Lembrou que esta obra de reforzo da seguridade viaria e integración da OU-105 na trama urbana é froito do diálogo e colaboración coa anterior corporación municipal, e que ven de rematarse este mes, cumprindo o prazo contractual da obra, fixado en 12 meses.

Salientou que esta intervención, que cualificou de moi ambiciosa e completa, terá continuidade coa segunda fase, na que se mellorará a intersección do tanatorio das Burgas. Este proxecto prevé un investimento duns 500.000 euros e está previsto que saia a información pública no mes de agosto, e dentro do prazo de alegacións serán convocados os veciños para explicarlle en detalle a actuación.

A conselleira concretou que os traballos realizados nesta 1ª fase se centraron na reordenación do tráfico, a mellora da mobilidade, amosando unha especial atención á seguridade dos usuarios vulnerables.

Enumerou as principais actuacións realizadas, como a construción da nova glorieta no acceso principal a Seixalbo e a mellora da intersección coa rúa Igrexa. Tamén se referiu á eliminación do terceiro carril existente para calmar o tráfico, e ao tempo poder dispoñer de espazo para aparcadoiros e de carrís centrais que facilitan os xiros á esquerda.

A conselleira citou as melloras executadas nos pasos de peóns, con semáforos con pulsador e con iluminación específica, e a instalación das novas marquesiñas para as paradas de autobús.

Referiuse ás actuacións que permitiron completar beirarrúas e habilitar sendas en ambas as marxes no treito final, incidindo así na traza do Camiño de Santiago, e a suma dun carril para a circulación de bicicletas. Tamén se actuou nas canalizacións de augas pluviais e a reposición de servizos urbanos de abastecemento, saneamento e alumeado.

Estas intervencións do departamento que dirixe veñen a sumarse a outras tan importantes como a da Avenida Otero Pedrayo ou a Posta en valor da Ponte Romana. Todas elas incluídas no convenio marco de colaboración en materia de estradas entre a Xunta e o Concello de Ourense.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es