CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta proponlles ao Concello de Lugo e a Adif impulsar conxuntamente a estación intermodal de Lugo mediante un acordo similar ao asinado en Santiago e Ourense

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade avanza que o Goberno galego prevé licitar a finais de verán o proxecto da nova estación de autobuses integrada na terminal de ferrocarril

Traslada o interese do Goberno galego de traballar de forma coordinada coas dúas outras administracións para que Lugo teña unha estación intermodal que permita aproveitar ao máximo a chegada do AVE e facilite o uso do transporte público, contribuíndo, ademais, a “facer cidade”

A conselleira interesouse polo avance e as previsións na mellora da liña ferroviaria entre Lugo e Ourense

Lugo, 29 de xullo de 2019.- A Xunta, o Concello de Lugo e o Ministerio de Fomento, a través de Adif, retomaron hoxe o diálogo institucional sobre a estación intermodal de Lugo, unha infraestrutura que comprende unha nova estación de autobuses integrada na terminal ferroviaria, unha reforma da estación de tren, a conexión entre ambas e os accesos necesarios e, polo tanto, require do traballo coordinado das tres administracións con competencias.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participaron hoxe nun encontro de traballo coa alcaldesa, Lara Méndez, e a presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, destinada a abordar conxuntamente o desenvolvemento da estación intermodal de Lugo.

No encontro, a Xunta propúxolles ao Concello e a Adif impulsar conxuntamente a estación intermodal de Lugo a través da sinatura dun convenio de colaboración similar ao asinado no caso de Santiago e Ourense, onde as obras destas infraestruturas están xa en marcha.

O Goberno galego entregou ás outras dúas administracións a súa proposta de acordo, que establece un reparto de responsabilidades de cada administración sobre o conxunto de actuacións que hai que desenvolver para a construción da estación intermodal de Lugo.

O Concello e Adif deberán agora remitir as súas observacións sobre o texto antes de proceder á súa sinatura.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade avanzou que o Goberno galego prevé licitar a finais de verán o proxecto da nova estación de autobuses integrada na terminal de ferrocarril, mentres que Adif informou da adxudicación da redacción do proxecto da reforma ferroviaria e da conexión entre estacións.

Ethel Vázquez destacou o interese do Goberno galego de traballar de forma coordinada coas dúas outras administracións para que Lugo teña unha estación intermodal que permita aproveitar ao máximo a chegada do AVE e facilite o uso do transporte público, contribuíndo, ademais, a “facer cidade”

Na xuntanza, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade manifestou, ademais, o interese da Xunta por coñecer os avances e as previsións sobre os proxectos de mellora da liña de ferrocarril entre Lugo e Ourense.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es