CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta publica a aprobación do proxecto de execución do itinerario peonil e ciclista na estrada PO-531, na Devesa, no concello de Pontevedra

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinará a esta actuación máis de 800.000 euros, prevéndose o inicio do procedemento expropiatorio este outono, e a licitación das obras a finais de ano para executalas no 2020

Trátase dunha senda de 1,4 quilómetros pola marxe esquerda desta estrada, entre o acceso ao núcleo de Sabarís e ata a glorieta que se está a executar nas obras da 2ª fase de mellora da seguridade viaria no lugar da Devesa

A nova senda senda contará cun ancho mínimo de 2 metros e unha franxa axardinada de separación nas zonas que sexa posible, e destaca a execución dunha pequena pasarela peonil sobre o Rego do Castrado

No concello de Barro, tras o proceso de alegacións, optouse por priorizar unha actuación de mellora da seguridade viaria previa, cun investimento estimado de máis de 1 millón de euros

O investimento do departamento de Infraestruturas da Xunta na mellora da seguridade viaria no tramo entre Pontevedra e Curro acada os 3,8 millóns de euros, só en traballos recentes e en licitación, ou cos proxectos en redacción
 

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas vén de publicar esta semana no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e o proxecto de execución do itinerario peonil e ciclista na estrada PO-531, na Devesa, no municipio de Pontevedra. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: http://xurl.es/o937y


Trátase da construción dunha senda de 1,4 quilómetros pola marxe esquerda desta estrada de titularidade autonómica, entre o acceso ao núcleo de Sabarís e ata a glorieta que se está a executar na actualidade nas obras da 2ª fase de mellora da seguridade viaria no lugar da Devesa, cun investimento duns 442.000 euros, e iniciadas o pasado 6 de maio.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destina a esta actuación máis de 800.000 euros, no que se inclúe o pagamento aos titulares das 25 fincas necesarias para a súa execución. O proceso expropiatorio prevé iniciarse este outono, e a licitación do contrato de obras a finais deste ano, para proceder a súa execución no 2020.
O proxecto define un itinerario na marxe esquerda da PO-531, no treito comprendido ente os puntos quilométricos 5+460 e 6+900, que permitirá comunicar os núcleos de Sabarís, O Bispo e A Devesa, na parroquia de Alba.

Con esta actuación o departamento de Infraestruturas da Xunta persegue o fomento da mobilidade sostible na citada estrada, mediante a proposta dunha serie de actuacións que melloren os itinerarios actuais.

Para acadar os obxectivos, proponse a execucións dunha senda mixta peonil e ciclista non deportiva que contará cun ancho mínimo de 2 metros, segundo o espazo dispoñible, e unha beiravía de ancho variable de separación.

O itinerario contará cunha franxa axardinada de separación entre a calzada e senda nas zonas que sexa posible, e nas obras destaca a execución dunha pequena pasarela peonil sobre o chamado Rego do Castrado.

Os traballos incluirán a execución da rede de drenaxe de augas pluviais e a execución de novos treitos de redes de servizos de electricidade e telecomunicacións. Tamén se acondicionará a sinalización e o balizamento, así como o seu repintado.

Antecedentes

Cómpre lembrar que esta intervención é consecuencia das modificacións no proxecto de senda na PO-531, no treito A Devesa-Bretoña, previsto no Plan de Sendas de Galicia. Este proxecto saíu a exposición pública en marzo de 2018 e, produto das alegacións recibidas, decidiuse a súa división en dous.

O primeiro destes proxectos é esta senda a executar na parte correspondente ao concello de Pontevedra, na Devesa.

Pola súa parte, no concello de Barro, tras o proceso de alegacións, optouse por priorizar unha actuación de mellora da seguridade viaria previa a execución da senda, con reforma de interseccións e na que despois se apoie a senda inicialmente proxectada na zona de Bretoña, próxima a Curro, que será executada nunha fase posterior. Este novo proxecto de seguridade viaria na estrada ao seu paso polo municipio de Barro contratouse este ano e se está redactando, estimándose o seu investimento en máis de 1 millón de euros.

Con esta actuación a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade segue traballando na mellora da Seguridade Viaria na estrada PO-531, no seu treito entre Pontevedra e Curro. O investimento autonómico acada os 3,8 millóns de euros, só en traballos recentes e en licitación, ou cos proxectos en redacción do departamento de Infraestruturas da Xunta.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es