CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta adxudica a execución da senda peonil e ciclista na estrada AC-116, entre Cruceiro e Lago, nos concellos de Narón e Valdoviño

A Consellería de Infraestruturas destina preto de 640.000 euros ás obras, que comezarán o vindeiro outono e dispoñen dun prazo de execución de 6 meses

A intervención ten por obxecto a execución dunha senda para conectar co paseo que bordea a Lagoa da Frouxeira e que chega ata o núcleo de Atios, permitindo a conexión peonil ao longo de toda a estrada, en Valdoviño

Tamén se reformará a intersección no acceso á lagoa de Frouxeira, eliminando parcialmente o carril central de espera para xirar á esquerda, para executar un paso de peóns e dar prioridade á circulación peonil
 

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de execución do itinerario peonil e ciclista na estrada AC-116, entre Cruceiro e Lago, ao seu paso polos concellos de Narón e Valdoviño.

Estes traballos, adxudicados á empresa Copasa, por importe de preto de 640.000 euros, comezarán no outono e teñen un prazo de execución de seis meses aproximadamente.

A intervención ten por obxecto a execución dunha senda para conectar co paseo que bordea a Lagoa da Frouxeira e que chega ata o núcleo de Atios, permitindo a conexión peonil ao longo de toda a estrada AC-116, no municipio de Valdoviño.

Executarase unha senda pola marxe dereita da estrada que sumará 3,2 km, permitindo completar un itinerario peonil continuo entre as travesías de Cruceiro, no Concello de Narón, e Lago, situado no de Valdoviño.

Desde este punto, a AC-116 ten xa beirarrúas ata o seu final, polo que coas sendas previstas quedará conectado o paseo da lagoa de Frouxeira, que parte da travesía de Lago, tanto desde Narón como desde Valdoviño.

Ademais reformarase a intersección existente no acceso á lagoa de Frouxeira, eliminando parcialmente o carril central de espera para xirar á esquerda, para executar un paso de peóns e dar prioridade á circulación peonil. Os vehículos poderán xirar na glorieta existente a 300 metros, no p.q. 12+360.

A obra compleméntase coa construción das instalacións necesarias para garantir a drenaxe axeitada.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es