CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta investirá máis de 165.000 euros na obra de renovación e mellora da estación de autobuses de Monforte, cuxas obras comezarán a finais de ano

O delegado territorial en Lugo, José Manuel Balseiro, presentou as características duns traballos que, cun prazo de execución de catro meses, prevese estean concluídos na próxima primavera

As empresas interesadas teñen ata o 8 de agosto para presentar as súas ofertas

Ademais das melloras estruturais en cuberta, interior e exteriores disporase de novos bancos na zona de agarda e de pantallas informativas electrónicas no interior do edificio da estación

Monforte de Lemos (Lugo), 24 de xullo de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acometerá antes de finais de ano as obras de renovación e mellora da estación de autobuses de Monforte para as que se reserva un investimento de 165.073 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado de persoal técnico da Consellería, presentou as características duns traballos que contan cun prazo de execución de catro meses e, polo tanto, que se prevé estean finalizados antes da próxima primavera.

Balseiro enmarcou esta actuación dentro da aposta que está a desenvolver o Goberno galego pola mellora do transporte público e pola mellora das súas infraestruturas estratéxicas. Nese senso, lembrou que a estación de autobuses en Monforte é a porta de entrada de moitos viaxeiros á cidade “e queremos que estean na mellor situación e de aí a reforma que promovemos”.

As empresas interesadas en executar esta obra teñen ata o vindeiro 8 de agosto para presentar as súas ofertas xa que logo a actuación programada xa está en licitación e a documentación precisa dispoñible no portal de contratos públicos de Galicia.

Descrición dos traballos

“Actuaremos na mellora integral de todos os espazos da estación: cuberta, pavimento dársenas, paredes e teitos, poremos máis bancos, repintado, e iluminación. Queremos que os usuarios teñan as mellores instalacións e os mellores servizos”

Máis polo miúdo os traballos previstos no exterior inclúen a limpeza da cuberta, a substitución das pranchas deterioradas e a adecuación dos canlóns e baixantes de augas pluviais, para evitar filtracións e humidades.

Xa no interior renovarase o pavimento na zona do aparcadoiro por un novo de formigón e outro de lousa para a zona peonil. Substituiranse bordos e topes metálicos na zona de estacionamento por outros de caucho e melloraranse sumidoiros e arquetas.

A obra inclúe a incorporación de máis bancos, nas zonas de agarda e un acondicionamento do peche perimetral e o pintado das parades interiores e exteriores no conxunto dos parámetros, isto é, paredes e teitos.

Tamén está previsto modernizar os aseos e o mobiliario complementario (tal como secadores de mans, vidros) e a substitución das ventás do primeiro andar e a mellora do revestimento de madeira que hai nesta zona.

Finalmente o proxecto prevé a substitución da columna de iluminación exterior, a recolocación do pararraios e a instalación dunhas pantallas informativas electrónicas no interior do edificio da estación.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es