CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta avanza na planificación hidrolóxica da Demarcación Galicia-Costa sometendo a información pública os temas máis importantes para o novo ciclo 2021-2027

Unha vez concluída a etapa preliminar iniciada o pasado 19 de outubro, Augas de Galicia abre á participación publica a proposta do documento que inclúe os principais temas en materia de xestión das augas na Demarcación

O documento estará dispoñible para a súa consulta e a realización de propostas e suxestións durante os próximos 6 meses

Destaca o obxectivo de mellorar a coordinación interadministrativa e a participación activa da cidadanía na xestión da auga

Impúlsanse as actuacións destinadas a prever e minorar os efectos dos eventos extremos, como secas e inundacións

Apóstase por unha formulación específica e diferenciada do abastecemento e do saneamento no rural

A Xunta está a cumprir cos prazos que se tiñan marcando a nivel nacional no proceso de elaboración dos Plans Hidrolóxicos das distintas demarcación para o novo ciclo, que deberán estar aprobados antes do 21 de decembro de 2021
 

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, segue a avanzar na revisión da planificación hidrolóxica da Demarcación hidrográfica Galicia-Costa vixente ata o ano 2021, e inicia un novo proceso de participación coa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia a proposta do documento que engloba os temas máis importantes para o novo ciclo 2021-2027. Neste enlace pode consultarse toda a información.

A planificación hidrolóxica é a ferramenta básica de planificación, xestión e ordenación dos recursos hídricos, e a publicación hoxe no DOG da proposta do documento denominado “Esquema de temas importantes” da comezo a segunda das fases do proceso de elaboración deste Plan Hidrolóxico. Na busca da máxima participación na elaboración deste plan de especial relevancia para toda a cidadanía, os documentos estará dispoñible para a súa consulta e a realización de propostas e suxestións durante os próximos 6 meses.

Unha vez concluída a etapa preliminar iniciada o pasado 19 de outubro de 2018, comeza un novo proceso de participación pública para a revisión da planificación hidrolóxica da Demarcación hidrográfica Galicia-Costa.

Nesta primeira aproximación do documento que fai Augas de Galicia se expoñen os diferentes retos que se encararán co Plan de Hidrolóxico para o período 2021-2027. O mesmo consta de 12 fichas e en cada unha das cales aborda un dos distintos retos a afrontar nese período de 6 anos.

Pódese salientar dentro dos temas recollidos, o de mellora da gobernanza na xestión da auga como un dos grandes retos a abordar neste novo período, que afecta a coordinación interadministrativa, participación activa da cidadanía, xestión da información, educación ambiental ou transparencia.

Tamén é relevante o impulso que se quere dar no ámbito da ordenación do territorio e dos usos do solo, salientando unha visión máis ampla dos ríos, que excede o seu propio entorno tendo en conta toda a bacía hidrolóxica. Non hai que esquecer que é na ordenación do territorio e usos do solo onde se localiza a orixe primaria de moitas das presións e problemáticas asociadas ás masas de auga como son a contaminación difusa, a vulnerabilidade ás inundacións e incendios, erosión do solo, alteracións hidromorfológicas, distribución do recurso, etc.

Por outra banda, unha visión máis integral do territorio, tamén permitirá actuar e minorar os efectos dos eventos extremos, secas e inundacións, nun contexto cada vez máis complicado polo Cambio Climático.

No ámbito das infraestruturas hídricas abordase de forma diferenciada o abastecemento e saneamento rural como un dos principais retos a abordar a corto prazo.

É, obviamente, proponse seguir afondando en aspectos fundamentais da protección dos cursos fluviais e a xestión do dominio público hidráulico coa necesidade de seguir avanzando na regulación dos caudais ecolóxicos, a loita contra a contaminación difusa ou as especies exóticas invasoras.

Deste xeito, no documento que sae a información pública hoxe, descríbense e valóranse os principais problemas, actuais e previsibles da demarcación Gacia Costa, sinalando as liñas de traballo nas que hai que afondar para a adecuada definición do Plan hidrolóxico do terceiro ciclo de planificación (dende a implantación da Directiva Marco da Auga europea). Tamén destaca os temas que condicionan en maior medida a consecución dos obxectivos da planificación hidrolóxica, amosando as posibles alternativas de actuación ante os mesmos, e ofrecendo propostas de solución.

A Xunta vén así a seguir cumprindo os prazos que se tiñan marcando a nivel nacional no proceso de elaboración do Plan para o novo ciclo 2021-2027. Unha vez rematado este traballo inicial, se procederá coa seguinte fase, que se corresponde coa redacción do borrador do Plan hidrolóxico 2021-2027,que deberá estar aprobado antes do 21 de decembro de 2021.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es