CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

O DOG publica o cambio de titularidade a prol da Xunta de varios treitos da estrada provincial DP-7310, no concello de Ribeira, como accesos á autovía do Barbanza

Trátase de tres tramos da vía que suman unha lonxitude de máis de 1 quilómetro

Estes tres tramos, xunto cos construídos con novo trazado, conformarán unha soa vía de competencia autonómica

Con esta transferencia, a Xunta acada a racionalización da rede viaria e dálles un mellor servizo aos cidadáns, xa que os treitos asumidos tamén serán obxecto das actuacións de conservación e de posibles melloras

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten entre as súas funcións a tramitación dos cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma e das entidades locais

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2019.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o cambio de titularidade a prol da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade de varios treitos da estrada provincial DP-7310, no Concello de Ribeira, como accesos á autovía do Barbanza (AG-11).

O departamento de Infraestruturas da Xunta, co obxecto de racionalizar a rede viaria e darlle o mellor servizo posible aos cidadáns, solicitou que lle foran transferidos estes tramos provinciais, conformando cos construídos con novo trazado unha soa vía de titularidade autonómica, unha vez materializada a súa transferencia.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: http://xurl.es/n9vsn

O Decreto recolle a transferencia á Xunta de tres treitos de lonxitudes de 427 metros, 326 e 298 m, sumando un total de 1.051 metros.

A Xunta, coa proposta de promover o cambio de titularidade ao seu favor, incorporará a lonxitude total deste ramal da AG-11 á súa rede. Deste xeito, os citados tramos beneficiaranse dos medios da conservación ordinaria e tamén será obxecto de actuacións promovidas pola Administración autonómica.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten entre as súas funcións a tramitación dos cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma e das entidades locais.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es