CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta adxudica as obras de mellora da seguridade viaria na estrada PO-552, nos concellos de Nigrán e Baiona

Esta intervención, cun prazo de execución duns 6 meses, consistirá na eliminación dun treito de concentración de accidentes no tramo da estrada entre os puntos quilométricos 10+740 e 13+440

Construirase unha glorieta na rúa Rans, mellorarase a intersección co camiño Carballal e reordenarase o cruce coas rúas Cruceiro e Sarmiento

Executaranse tramos de beirarrúas e reforzarase a sinalización dos pasos de peóns, instalando balizas que eviten o estacionamento indebido que dificulta a visibilidade en algúns accesos da marxe esquerda da Avenida Foz do Miñor

A Xunta incluíu neste proxecto achegas dos veciños da contorna e no outono mellorará a seguridade dos peóns no cruce da PO-552 co ramal da AG-57

Tamén, seguindo a solicitude dos veciños, axustará a construción da glorieta na intersección coa rúa Valle Inclán para reducir a afección, de xeito que non interrompa o acceso ao Camiño das Barreiras

Estas obras están enmarcadas na estratexia da Xunta para ter eliminados en 2020 todos os treitos de concentración de accidentes nas vías autonómicas
 

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2019.- A Xunta vén de adxudicar as obras de mellora de seguridade viaria na estrada PO-552, entre a glorieta de conexión coa AG-57 e Sabarís, nos Concellos de Nigrán e Baiona, cun investimento de máis de 318.000 euros.
Esta intervención, adxudicada á empresa Construcciones Taboada y Ramos, ten un prazo de execución duns 6 meses.


Trátase dunha actuación que define a execución dos traballos de mellora da seguridade viaria e a eliminación dun treito cualificado como “punto negro” no tramo da estrada Vigo-Tui, comprendido entre os puntos quilométricos 10+740 e 13+440.
Os traballos consistirán na mellora de interseccións nas que se produce unha maior parte dos accidentes neste tramo. Executaranse cambios de sentido e habilitaranse carrís centrais de espera para facilitar os xiros á esquerda nas interseccións que teñen suficiente visibilidade, e reordenaranse os xiros naquelas interseccións que non teñen a visibilidade necesaria para garantir os xiros nas desexables condicións de seguridade.


Máis en concreto, executarase unha semiglorieta na intersección do punto quilométrico 10+740, para facilitar os cambios de sentido, e unha nova glorieta no punto quilométrico 11+150, que se corresponde coa rúa Rans.


Tamén se mellorará a intersección existente no punto quilométrico 11+500 co camiño Carballal, coa execución dun carril central de espera e semiglorieta, e se reordenará a intersección coas rúas Cruceiro e Sarmiento, coa execución dun carril central de espera.
Ademais executaranse tramos de beirarrúas complementarios á mellora das interseccións, reforzarase a sinalización dos pasos de peóns do tramo para facilitar a súa percepción. Instalaranse balizas entre os puntos quilométricos 13+180 e 13+440, para evitar o estacionamento indebido en varios accesos situados na marxe esquerda na Avenida Foz do Miñor, que reducen a súa visibilidade.


Cómpre destacar que a Xunta ten incorporado a este proxecto as achegas dos veciños desta contorna. Así, por exemplo, no outono, en paralelo a esta obra, se vai acometer unha mellora de seguridade para peóns na intersección da PO-552 co ramal da AG-57, de modo que se facilite o tránsito polas marxes da vía e se facilite o cruce.


Ademais, seguindo a petición dos veciños, a glorieta do punto quilométrico 12+350, na intersección coa rúa Valle Inclán, vaise axustar na súa execución para reducir a afección, de xeito que non interrompa o acceso ao Camiño das Barreiras.
Estas obras están enmarcadas na estratexia da Xunta para ter eliminados en 2020 todos os treitos de concentración de accidentes nas vías autonómicas.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es