CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez destaca a licitación hoxe da renovación e mellora de 5 estacións de autobuses da provincia de Lugo, cuxas obras comezarán a finais de ano

Vázquez Mourelle explica que estes traballos, cun prazo de execución duns catro meses, se acometerán nas terminais de Monforte, Sarria, Burela, Ribadeo e Viveiro

Indica que as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 8 de agosto

O contrato prevé reparacións e melloras nas cubertas e a renovación de pavimentos, principalmente na zona de circulación de autobuses

Tamén se inclúen melloras nas instalacións eléctricas e na iluminación, o arranxo de falsos teitos ou dos aseos e a dotación de pantallas de información ou novo mobiliario para facer máis cómoda a espera

A conselleira adianta que ata finais de ano se iniciará a contratación da reparación noutras sete estacións galegas por un investimento de medio millón de euros
 

Viveiro (Lugo), 12 de xullo de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, salientou a licitación hoxe da renovación e mellora de cinco estacións de autobuses na provincia, cuxas obras comezarán a finais de ano, cun investimento duns 732.000 euros.

Vázquez Mourelle explicou que estas actuacións, cun prazo de execución duns catro meses, se acometerán nas terminais de Monforte, Sarria, Burela, Ribadeo e Viveiro.

Indicou que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas para realizar este contrato ata o vindeiro 8 de agosto.

Precisou que as actuacións van dirixidas a proporcionarlles aos veciños e usuarios unhas instalacións máis cómodas e eficientes e con máis información sobre horarios, servizos e liñas dispoñibles.

O contrato prevé reparacións puntuais e melloras nas cubertas destas 5 terminais de autobuses da provincia, coa renovación de pavimentos, principalmente onde están máis desgastados, como é o caso da zona de circulación de autobuses.

Tamén se inclúen melloras nas instalacións eléctricas e na iluminación, o arranxo de falsos teitos ou dos aseos e a dotación de equipamento, como pantallas de información ou novo mobiliario para facer máis cómoda a espera.

Renovación das estacións en Galicia

A conselleira adiantou que de aquí a finais de ano se prevé iniciar a contratación das obras de reparación e renovación noutras 7 estacións de autobuses das provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra por un investimento de máis de medio millón de euros.

Lembrou as actuacións realizadas nos últimos anos no marco do Plan Renove e sumou as previstas nos meses vindeiros, resultando un investimento de 2,7 millóns de euros na mellora dos servizos e dos equipamentos en case unha trintena de terminais de autobuses.

Resaltou a aposta clara da Xunta por dotar de máis servizos e mellores equipamentos de transporte a todos os usuarios e viaxeiros que empregan o autobús para os seus desprazamentos.

Plan de mellora de refuxios

O Goberno galego, na liña de continuar mellorando a mobilidade dos cidadáns, tamén está a desenvolver o Plan de mellora de refuxios nas paradas de transporte público, tanto no eido urbano como no rural.

Ethel Vázquez subliñou que este plan ten como obxectivo dotar de instalacións axeitadas as paradas das liñas de transporte interurbano para protexer aos usuarios das inclemencias meteorolóxicas, facer máis cómoda e segura a súa espera e mellorar a información sobre a frecuencia e destino dos servizos de transporte.

No marco deste plan, a Xunta xa colocou varias marquesiñas en eidos urbanos como Santiago, A Coruña ou Ourense. Ademais hai un mes instalábase a primeira marquesiña rural en Vimianzo e continuarase traballando para estender estas instalacións aos concellos das catro provincias.

Plan de Transporte Público de Galicia

A responsable de Infraestruturas fixo fincapé en que todas estas medidas forman parte do Plan de Transporte Público de Galicia, que está a impulsar o Executivo autonómico.

Destacou que este plan permitirá transformar o mapa da mobilidade de toda a comunidade, para adecuar o transporte á realidade territorial e ás demandas e necesidades da xente; pensando, especialmente, no rural e no interior de Galicia.

Recordou que en zonas de Lugo como a da Mariña, o plan está en funcionamento desde agosto de 2017, ampliando a cobertura principalmente no rural, a través de fórmulas como o transporte compartido e a demanda e levando o autobús a lugares aos que antes non chegaba.

Indicou que o Goberno galego segue traballando para achegar ao conxunto do territorio, a toda Galicia, os beneficios deste plan co fin de lograr que os galegos dispoñan dun transporte público competitivo e eficiente, con máis e mellores servizos.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es